ENTRE O 28 DE MARZO E O 11 DE ABRIL
Primavera enDanza volve con cinco espectáculos manténdose como o ciclo máis lonxevo de Galicia
O programa inclúe propostas galegas, pero tamén chegadas de Cataluña, ou a estrea absoluta de Paula Quintas con "Aurora Boreal"
Mércores 5 de marzo do 2025 Cultura
Evencio Ferrero, Paula Quintas e Maruxa Suárez
Primavera enDanza volve entre o 28 de marzo e o 11 de abril como unha cita obrigada para os amantes da danza, cunha selección de artistas consolidados ou emerxentes, de dentro ou de fóra de Galicia, con estreas absolutas e variedade de espectáculos para atopar as últimas propostas das artes escénicas. Nesta XXIII edición botaremos unha ollada, maioritariamente feminina, sobre a danza. Ademais, como en cada edición, o programa mantén o seu espírito didáctico, xa que os creadores e intérpretes contarán todas as claves da súa proposta ao remate de cada peza nun encontro co público.
A concelleira de Cultura, Maruxa Suárez Cotelo, quixo subliñar durante a presentación do programa que Primavera enDanza “é o festival máis lonxevo de Galicia”, destacando non só pola súa “estabilidade”, senón tamén “porque ofrece unha ampla perspectiva da danza contemporánea tanto de dentro coma de fóra de Galicia” e sempre tendo en conta “a presenza doutras disciplinas, como a acrobacia, o circo ou o canto”. O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, subliñou tamén a importancia do ciclo “porque queremos que haxa danza con forza xa que merece o apoio e o recoñecemento de todas as administracións”. Desexou, así mesmo, que a proposta “teña moitos anos de continuidade” e que “cheguemos a ser centenarios na programación estable e de calidade da danza”.
A rolda de prensa contou tamén coa presenza de Paula Quintas, cuxa compañía inaugura Primavera enDanza coa estrea absoluta de Aurora Boreal. A coreógrafa e intérprete describiu a peza como “unha proposta inmersiva” que se traballou con todo o equipo cunha perpectiva en “360 graos, para xerar unha estétita total”. A través do xeo, Aurora Boreal quere reflexionar sobre que non hai que “acelerar a vida” senón “cultivar a paciencia”. Durante a peza, que Quintas creou xunto con Rut Balbís, trabállase “cos diferentes estados da materia, coa auga e co xeo, incluindo o estado sólido, o gaseoso ou mesmo o plasmático”. As auroras boreais con un un símbolo de que a espera e a paciencia merecen a pena, xa que “son luces que só suceden en determinadas épocas do ano”. A compañía leva dous anos traballando neste proxecto que fala sobre a fugacidade, algo que acontece igualmente coa danza, que realiza coreografías rápidas, cambiantes e efémeras. Para rematar, Quintas quixo agradecer a oportunidade brindada polo Concello de Carballo “porque este programa é moi importante para Galicia no que respecta ás artes do movemento”.
Así, para preparar a peza, a compañía de Paula Quintas realizará unha residencia no Pazo da Cultura a partir do luns 24 de marzo e ata o mesmo venres da estrea, coas instalacións do auditorio á súa disposición. A Concellaría de Cultura quere apoiar así a creación artística e as artes escénicas favorecendo a produción de Aurora Boreal. Ademais, un día antes da representación, o xoves 27 de Marzo ás 20.00 horas, a propia Quintás protagonizará no Pazo da Cultura o faladoiro Xéneros en danza. un percorrido histórico dende o corset as novas linguaxes. A entrada é libre.
Xusto ao día seguinte, o sábado 29 de marzo, continuamos con outra proposta galega, da man de Marta Alonso e Sofá. A Marta e a Pablo, que se coñeceron bailando, vanlles máis as tardes de sofá e danza. De sofá e de teatro. De sofá e circo. Son unha parella normal... pero non. Porque... a quen se lle ocorre que os problemas se poden solucionar facendo un espectáculo de danza cun sofá? Marta Alonso presenta danza, teatro, circo e música en directo para falar dunha parella que podería ser a túa. Coa emoción é con quen soña a arte cando se bota a durmir nas tardes de sofá e sesta.
Dende Catauña chega unha proposta para público familiar sobre unha cosmonauta titulada
A semana seguinte, o sábado 5 de abril, chega dende Cataluña Together to get there, de Lali Ayguadé. Un encontro entre dous, un abrazo, o sentir do outro, a comunicación sen palabras, o sentir inmerso nun mundo creado entre dous. Un tempo que se expande e se detén como se nunca fora a acabarse. Lali Ayguadé é unha das referencias da danza contemporánea en España, sendo a primeira vez que actúa en Primavera enDanza para presentar unha proposta de transformación. Onde nun instante esquécense e saen á luz as diferencias; os polos opostos, a fraxilidade e a forza; o deixarse caer e o desexo polo control. O equilibrio e a inestabilidade. A verdadeira natureza humana.
O domingo 6 de abril é a quenda para o público familiar en Primavera enDanza dende Cataluña con Cometa, de Lowland Performing Arts. Unha cosmonauta, cun casco na man, sobre un transbordador espacial. Así é Cometa, unha viaxeira inesperada que nos invita a mirar o noso entorno con ollos novos. Os máis cativos e cativas, desde dentro do escenario, gozarán dunha aventura galáctica que nos redescubrirá a gravidade e o poder da empatía, grazas á xeometría e a velocidade da luz. A bailarina e creadora Roser López Espinosa combina con mestría o xogo físico, os elementos acrobáticos e o amor polo detalle, creando un imaxinario cheo de xogo cun toque de humor.
Primavera enDanza remata o venres 11 de abril con Daniel Rodríguez e a súa proposta Transeúnte. A partir de catro bailaríns e dous músicos iníciase un diálogo entre a música, o canto e a danza tradicional coa danza contemporánea, no que se reflexiona sobre a relación das novas xeracións co folclore. Con esta peza o Concello de Carballo continúa coa súa particular homenaxe ás cantareiras, que protagonizan este 2025 o Día das Letras Galegas. Esta coreografía é unha viaxe que honra o pasado, vive o presente e busca e abraza o futuro, unha dualidade entre o permanente e o transitorio. O bailarín e coreógrafo Daniel Rodríguez aposta por unha creación multisensorial na que corpo, música e tecnoloxía se entrelazan para construír un contexto único. Traseúnte conta coa voz e música de Aida Tarrío (Tanxugueiras) xunto con Artur Puga e está interpretada por Javier de la Asunción, Andrea Pérez, Laura García e o mesmo Daniel Rodríguez.
PRIMAVERA ENDANZA
- Venres 28 marzo – 21.00 horas. Paula Quintas (Galicia). Aurora Boreal. ESTREA ABSOLUTA
- Sábado 29 marzo – 20.30 horas. Marta Alonso (Galicia). Sofá
- Sábado 5 abril – 20.30 horas. Lali Ayguadé (Cataluña). Together to get there
- Domingo 6 abril - 18.00 horas. En Familia. Lowland Performing Arts (Cataluña). Cometa
- Venres 11 abril – 21.00 horas. Daniel Rodríguez (Galicia). Transeúnte
Primavera enDanza está organizado pola Concellaría de Cultura de Carballo coa colaboración da Rede Galega de Teatros e Auditorios da Agadic para todos os espectáculos.