Aberto ata o 26 de marzo o prazo para participar no XXVII Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís
Repartiranse máis de 3.000 euros en premios agrupados en catro categorías
Luns 3 de febreiro do 2025
A Concellaría de Cultura abre até o 26 de marzo o prazo para participar na XXVII edición do Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís, unha cita que cada ano desde hay vinte e sete ten o obxectivo de contribuír á creación artística e a fomentar a divulgación da fotografía. A denominación de Xosé Manuel Eirís para este concurso provén do recoñecemento que o Concello de Carballo e as entidades culturais do municipio queren render a unha persoa vinculada ao mundo cultural e artístico de Galicia, que foi animador cultural de Carballo.
O concurso reparte un total de 3.050 euros en premios:
- 1º premio: 1.500 € e diploma.
- 2º premio: 750 € e diploma, patrocinado pola Fundación Luis Calvo Sanz.
- Premio Especial Carballo á mellor fotografía que faga referencia directa ao municipio de Carballo en calquera dos seus aspectos: 500 € e diploma (as obras presentadas ao Premio Especial Carballo tamén optarán ao resto de premios), patrocinado por Interfilm Carballo.
- O xurado poderá conceder accésits por un importe total de 300€.
Algúns dos aspectos máis salientables das bases son os seguintes:
- Cada autor ou autora poderá presentar un número máximo de tres obras.
- As fotografías realizaranse en branco e negro ou cor, natural ou manipulada, e o tema das obras é libre.
- Os traballos fotográficos que se presenten ao Certame deberán ser orixinais e recentes. As fotografías non poderán ter sido presentadas con anterioridade a este concurso nin ter gañado ningún premio noutros concursos ou certames, nin ter sido empregadas con finalidade comercial, nin publicitaria, nin cedidas para uso público.
- As dimensións da obra fotográfica estarán comprendidas entre 25 x 35 cm como mínimo e 40 x 50 cm como máximo. Presentaranse montadas sobre cartón pluma ou soporte similar ríxido (cun grosor mínimo de 3 mm).
- Cada fotografía deberá vir acompañada do soporte informático en formato JPEG ou TIFF da obra presentada.
+INFO
Concellaría de Cultura
Pazo da Cultura, Rúa do Pan, s/n
Teléfono: 981 704 300