DO 28 DE FEBREIRO AO 9 DE MARZO
Festas de disfraces, pasarrúas, obradoiros, bailes e máis de 10.000 euros en premios no Entroido de Carballo
O prazo para anotarse no Concurso está aberto até o 26 de febreiro para comparsas e carrozas e ata o 2 de marzo no resto de categorías
Luns 17 de febreiro do 2025

Un ano máis Carballo vestirá o disfrace do Entroido con multitude de actividades entre o 28 de febreiro e o 9 de marzo: espectáculos de rúa, festas, desfiles, bailes, obradoiros, pasarrúas... E tres citas que cada ano congregan a miles de persoas: o Concurso e Desfile de Disfraces, Comparsas e Carrozas, a Festa Infantil de Entroido e o Enterro da Sardiña. Este ano o cartel, realizado polo carballés Juan Gende, está inspirado no carballo senlleiro de Vilar de Francos. O temporal Brent tronzou a última das súas pólas en novembro de 2024. No parche da imaxe pode lerse a lenda “Carballo de Vilar de Francos | Século XVI-2024”.
Este ano o Concurso, no que habitualmente participan máis de medio millar de persoas, terá lugar o domingo 2 de marzo. Presentado pola actriz Isabel Risco, comeza ás 18.00 horas e durante o baile posterior, ás 20.30 horas co Grupo La Bamba, farase a entrega dos premios. Precisamente, neste 2025 increméntase de novo a contía en máis de 1.000 euros para chegar a superar os 10.000. Hay que subliñar que os importes que máis aumentan son os destinados á categoría de carrozas, xa que as axudas por participar chegan aos 300€ e o primeiro premio sube ata acadar os 1.000€, ademais de engadirse un terceiro premio de 350€.
Dos dez mil euros que repartirá o concurso, máis de 4.500 están destinados a gratificacións para premiar a participación na actividade. Os importes ascenden a 125€ para as comparsas infantís e a 125€ para as comparsas de adultos de menos de 25 membros, a 200€ para as de máis de 25 membros, e os xa mencionados 300€ para as carrozas. Concederanse un máximo de 20 gratificacións para os 20 primeiros inscritos. Ademais, está previsto repartir ata 17 premios e ata 1.000 euros en accésits.
Bailes, circo e Enterro da Sardiña
Unha das citas que a cativada agarda cada ano é a Festa Infantil que se celebra o Luns de Entroido. Neste caso é o 3 de marzo de 18.00 a 19.30 horas e contará con música de picadiscos, xogos e animación. E outra das actividades que xa é tradicional é o Enterro da Sardiña, neste caso o martes 4 de marzo a partir das 19.00 horas. Contará coa colaboración da Aula de Teatro Municipal de Carballo que dirixe Galeatro. A comitiva do cortexo fúnebre sairá da Praza do Concello e continuará ata o Parque do Anllóns, onde a sardiña acaba no río. Colaboran na cita os servizos municipais de Policía Local e Protección Civil, así como a Agrupación de voluntarios e voluntarias de Protección Civil de Carballo.
O programa contará tamén con moita animación nas rúas xa dende o primeiro día. Así, o venres 28 de febreiro Circo Krasnovarak visitará a Praza do Concello a partir das 18.30 horas co seu espectáculo no que hai xigantes, xirafas, elefantes e mesmo monicreques. Os pasarrúas terán presenza o 2 de marzo, día do Concurso de disfraces, o Luns 3, día da Festa Infantil e tamén o martes 4 durante o Enterro da Sardiña: correrán a cargo das charangas ACDC (Atlantic Club Domestic Charanga) e de Santa Compaña.
Este ano hai dous obradoiros na Biblioteca Rego da Balsa: un de sombreiros tradicionais e outro de máscaras de peliqueiro
A programación inclúe tamén dous obradoiros para familias que requiren de inscrición previa na Biblioteca Rego da Balsa, lugar onde se desenvolverán a partir das 11.00 horas o luns 3 e o martes 4 de marzo. O luns terá lugar un Obradoiro de sombreiros tradicionais de Entroido organizado pola AC Escola do Alprende de Carballo; e o martes un Obradoiro de Máscaras de Peliqueiro. O programa péchase o domingo 9 de marzo coa Corrida do Entroido, que percorre a feira e rúas de Carballo. Organizada pola AC Escola do Alprende, a cita está patrocinada pola Concellaría de Cultura.
A este completo programa hai que sumarlle as actividades que se desenvolven en diferentes barrios e parroquias de Carballo: co Renacemento do Chorón na Milagrosa o venres 28 de febreiro e o sábado 1 de marzo; con festas do cocido en Sofán e Entrecruces o sábado de Entroido; coaa festa de Entroido con concurso de sobremesas típicas o sábado de piñata en Bértoa; ou co Festival de Entroido de Cances e o Cocido de Entroido en Bértoa o 15 e 22 de marzo, respectivamente.
Citas para todos os públicos e para todas as idades durante unha semana intensa na que o espírito de Don Carnal estará presente en cada recuncho da vila. Organiza o programa a Concellaría de Cultura coa colaboración da Concellaría de Terceira Idade, da Concellaría de Bibliotecas, da Concellaría de Asociacións Veciñais, da Brigada Municipal de Obras, dos servizos de Policía Local e Protección Civil e da Agrupación de voluntarios e voluntarias de Protección Civil de Carballo.
- AS BASES E OS IMPRESOS DE INSCRICIÓN PARA O CONCURSO E DESFILE DE DISFRACES, COMPARSAS E CARROZAS PODEN DESCARGARSE MÁIS ABAIXO INDO AO APARTADO DE NOVAS RELACIONADAS.