Alumnas de atención sociosanitaria abriron MercaEscola cunha sesión sobre primeiros auxilios
Unha trintena de persoas participan na segunda edición do programa formativo organizado pola Concellaría de Feiras e Mercados
Luns 10 de marzo do 2025 Mercado Municipal

Xa está en marcha a segunda edición de MercaEscola, o programa formativo e informativo para persoas adultas organizado polo Concello de Carballo. O concelleiro de Feiras e Mercados, Ramón Varela, deu a benvida ás persoas asistentes e agradeceu a elevada participación. No acto de apertura tamén participou o concelleiro de Formación e Emprego, Iván Andrade, para presentar a primeira actividade: unha sesión teórico-práctica sobre primeiros auxilios impartida polas alumnas do curso de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais que se celebra no Fórum.
Dun xeito moi didáctico, as futuras profesionais de atención sociosanitaria e a súa profesora explicaron ao alumnado de MercaEscola como realizar unha reanimación cardiopulmonar e como actuar en caso de atragoamento. A xornada resultou moi amena e moi participativa, tanto que se prolongou durante máis de hora e media.
MercaEscola inclúe 12 actividades repartidas en tres bloques principais: saúde, como foi o caso de hoxe, consumo e medio ambiente. Inicialmente estaba previsto ofrecer 25 prazas, pero, dada a elevada demanda, finalmente aumentáronse ata 35 para poder atender todas as solicitudes recibidas en só 24 horas.