Inicio Carballo ao día Novas A Xunta de Goberno Local aproba a...

A Xunta de Goberno Local aproba a subvención anual para o financiamento da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil

Os voluntarios que colaboraron nas zonas afectadas pola DINA en Valencia recibiron a Cruz ao Mérito de Protección Civil

Luns 10 de marzo do 2025

A Xunta de Goberno Local aprobou na sesión deste luns a concesión dunha subvención de 25.000 euros á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil para o financiamento da súa actividade anual no noso concello (material, desprazamentos, seguros, etc...). Como contraprestación, a agrupación colaborará ao longo do 2025 en actividades preventivas en actos multitudinarios e concentracións de público, talleres formativos en materia de primeiros auxilios, participación en simulacros en colexios e edificios públicos ou apoio á área de Servizos Sociais, entre outras.

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil realiza actividades de diversa índole social, humanitaria e de prevención de riscos, ao longo de todo o ano, tanto en Carballo coma noutras localidades. Con motivo da DINA de Valencia, cinco voluntarios do noso concello formaron parte do dispositivo galego que colaborou no mes de novembro nas tarefas de rescate, limpeza e restauración dos servizos públicos das zonas afectadas.

Este 1 de marzo, coincidindo co Día Internacional de Protección Civil, os nosos voluntarios foron recoñecidos polo seu labor nun acto celebrado non parainfo do CEU Universidade Cardeal Herrera de Moncada, desde onde se coordinou o operativo de emerxencia. A alcaldesa de Moncada, Amparo Orts, que posa na foto xunto aos voluntarios carballeses, fíxolles entrega da Cruz ao Mérito de Protección Civil con distintivo vermello.

Carballo amosou a súa solidariedade coas vítimas da DINA enviando tamén un equipo con persoal e medios materiais do servizo municipal do ciclo da auga, e un tráiler cargado de produtos de alimentación, limpeza e hixiene solicitados pola Federación Valenciana de Municipios e Provincias.

Compartir: