Carballo celebra o Día da Lingua Materna cunha campaña de recollida de palabras propias do noso concello
Venres 21 de febreiro do 2025 Lingua

O 21 de febreiro é o Día Internacional da Lingua Materna, unha celebración proclamada pola Unesco en 1999 coincidindo coa data en que en 1952 a policía e mais o exército paquistaní abriron fogo contra unha multitude de falantes bengalís que se manifestaba polos seus dereitos lingüísticos, vinte anos antes da independencia de Bangladesh. Defendían a súa lingua materna, a do seu pobo, a da súa comunidade, a que é a propia do seu territorio, como para nós é a galega.
A nosa é unha lingua tan rica que dentro do territorio galego hai moitísima variedade de palabras, acentos, ditos... En Carballo temos as nosas singularidades, e desde o Servizo de Normalización Lingüística pretendemos recuperalas e poñelas en valor. Por iso, coincidindo co Día da Lingua Materna, este mes puxemos en marcha unha campaña de recollida de palabras propias do noso concello que denominamos “Así falamos en Carballo”.
Nese labor contamos coa colaboración dos colexios Xesús San Luís Romero e Gándara-Sofán, que recolleron ducias de palabras e expresións propias, moitas delas usadas só no noso concello. Arume, carozo, escordar, fungalla, pinchacarneiro, derreado/a, bilitroque, lagháchima, pan de ovo, regheifa, ghorxa do aire, faldriqueira, burato... son algunhas.
Para darlle visibilidade á iniciativa, e para premiar o traballo de recollida realizado polos nenos e nenas, preparamos unhas mochilas estampadas con moitas desas palabras, agrupadas en forma de landra, que tamén é unha palabra e un símbolo do noso concello. Hoxe entregámosllas á rapazada, que quedou súper contenta co agasallo.
Pero a iniciativa non remata aquí, senón que segue aberta tanto a outros centros educativos coma a persoas que, a título individual, queiran colaborar facéndonos chegar palabras e expresións tan carballesas coma as que aparecen na landra. O único que teñen que facer as persoas interesadas é enviar un mínimo de 10 palabras por correo electrónico a snl@carballo.gal, e, como o alumnos do San Luís Romero e do Gándara-Sofán, as achegas serán recompensadas cunha mochila.