A poboación do concello de Carballo incrementouse en 2.646 persoas desde o ano 2003
No 2024 bateuse un récord ao acadar os 31.595 habitantes, e este ano poderían superarse os 32.000 por primeira vez na historia
Xoves 20 de febreiro do 2025

A poboación do concello de Carballo a 1 de xaneiro de 2024, último dato oficial publicado polo Instituto Nacional de Estadística (INE), bateu un récord ao acadar os 31.595 habitantes. Con respecto ao ano anterior houbo unha suba de 179 veciños e veciñas, pero se realizamos a comparación co ano 2003, o incremento é de 2.646 persoas. Á espera da publicación dos datos oficiais a 1 de xaneiro de 2025, polos que manexa o padrón municipal estímase que o noso concello podería superar este ano, por primeira vez na historia, os 32.000 habitantes.
No ano 2003 o noso concello tiña 28.949 habitantes. No 2007 superáronse por primeira vez os 30.000, e tres anos despois, no 2010, cruzouse outra barreira simbólica: a dos 31.000 habitantes. Ao longo de todo este tempo tamén foi variando de xeito significativo o reparto territorial da poboación. No ano 1998, por primeira vez, os habitantes na zona urbana superaron aos da zona rural, cun 50,52%. Esa porcentaxe foi aumentando ano a ano, de xeito que no 2003 xa acadaba o 54,7%. No 2024, a poboación urbana xa representa o 65,5% do total co concello: 20.711 habitantes na parroquia de Carballo e 10.884 entre as outras 17 parroquias.

Aínda que a parroquia de Carballo é a que máis medra, non é a única. Con respecto ao ano anterior, como pode verse na táboa anexa, no 2024 subiu a poboación de 9 das 18 parroquias do concello, en oito baixou e nunha mantívose.
Se a comparación se realiza co ano 2003, todas as parroquias rurais perden poboación agás a de Bértoa, que ten 89 habitantes máis. Pero a diminución de habitantes na zona rural víñase producindo xa desde principios dos anos 90, con casos especialmente rechamantes coma o de Sofán, que entre 1991 e 2003 perdeu 601 veciños e veciñas; Rus, con 482, ou Goiáns, con 259. De feito no 1991 había seis parroquias que superaban o milleiro de veciños e veciñas: Sísamo, Bértoa, Verdillo, Sofán, Rus e Entrecruces. No 2003 quedaban catro (Bértoa, Verdillo, Sofán e Rus) e na actualidade son dúas: Bértoa, con 1.420, e Sofán, con 1.367.
Carballo figura entre os 20 municipios máis poboados de Galicia, concretamente no posto número 13, por detrás de Vigo, A Coruña, Ourense, Santiago, Lugo, Pontevedra, Ferrol, Narón, Oleiros, Vilagarcía, Arteixo e Ames.
Aínda que o saldo vexetativo é negativo, coma na práctica totalidade dos concellos galegos, a poboación non deixa de medrar grazas á chegada de novos veciños e veciñas procedentes doutros concellos e tamén doutros países. No ano 2023 empadroáronse en Carballo 660 persoas foráneas, e no 2024 foron máis do dobre, con 1.651, unha cifra provisional que experimentará variacións dada a gran mobilidade da poboación estranxeira. Venezuela, Colombia e Senegal son os principais países de procedencia destes novos carballeses e carballesas.