Inicio Carballo ao día Novas A Bandeira Azul volve ondear nas praias de...

A Bandeira Azul volve ondear nas praias de Baldaio-Saíñas, Pedra do Sal e Razo xunto co distintivo do Sendeiro Azul

Hoxe arrincou tamén o programa "Eu quero Razo-Baldaio", que inclúe unha vintena de actividades de sensibilización medioambiental

Mércores 3 de xullo do 2024

A Bandeira Azul volve a ondear nas praias de Baldaio-Saíñas, Pedra do Sal e Razo como símbolo da boa calidade das augas de baño, dos areais e dos servizos que prestamos aos usuarios e usuarias. O Concelleiro de Medio Ambiente e Praias, Miguel Vales; o coordinador do Servizo Municipal de Protección Civil, Javier Souto, e unha representación do equipo de salvamento e socorrismo, integrado por 32 profesionais, participou no izado das tres bandeiras, e tamén na do Sendeiro Azul.

A calidade ambiental e a excelencia na prestación dos servizos son os eixos arredor dos que xira a acción da Concellaría de Medio Ambiente, e por iso en Carballo tamén ondea nas nosas praias outra bandeira, a do Certificado do Esquema Europeo de Ecoxestión e Auditoría (EMAS), que implica un compromiso coa prevención da contaminación, a mellora continua do areal, a xestión de residuos e a atención aos usuarios e usuarias.

Xunto coa unidade de salvamento acuático tamén empezou a temporada alta para o servizo de limpeza de praias, que ao longo do verán realizará os traballos manuais e mecánicos precisos para a recollida de residuos nos areais e as súas zonas de influencia (zonas verdes, aparcamentos, accesos, parques infantís...), así coma as instalacións das praias (casetas de socorrismo, aseos, duchas...), a fonte de Arnados, as contornas da caseta das mariscadoras, e o local que ten Protección Civil no porto de Razo. Ata mediados de setembro, a limpeza realízase a diario e hai unha persoa na praia de maneira permanente para que os aseos estean sempre limpos.

En marcha o programa "Eu quero Razo-Baldaio"

Co obxectivo de seguir impulsando o aproveitamento sostible da nosa franxa costeira, ao longo do verán tamén se levarán a cabo outras actividades dentro do programa “eu quero Razo-Baldaio”, que arrincou hoxe, precisamente, cunha xornada de achegamento á ornitoloxía na que, grazas á Asociación Ambiental Hábitat, as persoas participantes coñecen moito mellor a nosa píllara das dunas. O sábado 6 teremos a segunda actividade: unha ruta polos Contos mariños de Carballo, desde a Furna Furada ata Pedra do Sal, guiada por Xabier Maceiras. Se queres coñecer todas as citas previstas para o verán e reservar praza só tes que entrar aquí.

A Praia dos Libros, que abrirá as súas portas a mediados de mes, é outra das numerosas propostas para gozar do verán nas nosas praias xunto co surf, a pesca deportiva, o voleipraia ou o baño. Neste sentido as cinco zonas de baño do noso litoral que están controladas sanitariamente (Pedra do Sal, Razo, Arnados, Ría de Baldaio e Saíñas) acadaron a cualificación de excelente, segundo a clasificación sanitaria remitida pola Consellería de Sanidade.



Galería

Compartir: