Subvencións culturais
A Concellaría de Cultura conta cunha liña de axudas para favorecer o desenvolvemento de actividades culturais, así como a conservación do patrimonio inmaterial de Carballo. Con ese motivo, convoca dúas subvencións anuais destinadas a darlle pulo ás actividades das distintas asociacións culturais do municipio e dos seus grupos de música:
- Programa anual de Actividades Culturais: Este programa persegue contribuír á promoción da cultura e do tecido asociativo de carácter cultural e á potenciación do seu papel no desenvolvemento de citas relacionadas coa cultura, favorecendo o acceso dos cidadáns do municipio a este tipo de citas e promovendo a organización e realización de actividades por parte das distintas asociación e entidades do Concello.
- Programa de actuacións musicais: Este acordo pretende contribuír á promoción da música e do folclore que se desenvolve no Concello de Carballo, a difundir o labor que as agrupacións musicais de persoas afeccionadas realizan, así como a colaborar coas diferentes entidades que ao longo do ano organizan diversos actos culturais en Carballo facilitándolles recursos que enriquezan as súas actividades.
- Cabalgatas de Reis: Estas subvencións teñen por obxecto colaborar coas asociacións ou colectivos que organizan Cabalgatas de Reis ou outras actividades de animación infantil que festexan o Nadal. O seu obxectivo é o de contribuír ao mantemento de tradicións tan populares como as Cabalgatas de Reis, apoiando o papel do tecido asociativo de carácter cultural na organización destas actividades e a súa celebración en todas as parroquias do municipio.
- Festas de parroquias e barrios: O obxectivo da convocatoria é axudar ás entidades e comisións de festas para a celebración de verbenas ou concertos con actuacións musicais en directo. A maiores, o Concello de Carballo colabora con todas as comisións e entidades que así o solicitan con outros servizos imprescindibles para as celebracións, como o alumeado, a limpeza e a recollida de lixo ou o acondicionamento dos campos das festas.
Ademais destas liñas de axudas, existen outras convocatorias de subvencións dirixidas ás asociacións de nais e pais de alumnado (ANPAs) para o desenvolvemento de actividades culturais nos centros de ensino.