18 DE NOVEMBRO NO PAZO DA CULTURA
Carballo recupera o Encontro Médico de Bergantiños e rende homenaxe ao pediatra Pedro Tasende Díaz
O Colexio Oficial de Médicos e o Concello de Carballo apoian unha vez máis a iniciativa dos carballeses Juan Carlos Díaz del Valle e Alejandro Ávila Álvarez
Luns 2 de outubro do 2023 Benestar
Carballo recupera o Encontro Médico de Bergantiños, que celebrou a súa primeira edición en novembro do 2019 cunha excelente acollida e cun compromiso de continuidade truncado pola pandemia. Catro anos despois, a iniciativa dos médicos carballeses Juan Carlos Díaz del Valle e Alejandro Ávila Álvarez regresa con aquel mesmo desexo de perdurar e co obxectivo de poñer en valor o gran potencial humano que ten a nosa comarca, e que se reflicte, tamén, na profesión médica.
Os promotores do encontro, que se celebrará o 18 de novembro no Pazo da Cultura, presentaron hoxe o programa acompañados por Francisco Vilanova Fraga, un médico larachés con raíces carballesas que se implica na organización xunto co Colexio Oficial de Médicos da Coruña, que estivo representado polo seu presidente, Luciano Vidán. No nome do Concello de Carballo, cuxa colaboración destacaron todos os organizadores, participaron a concelleira de Sanidade, Maica Ures, e o alcalde, Evencio Ferrero.
O II Encontro Médico de Bergantiños pretende ser un evento científico pero tamén social, e por iso está aberto á participación de toda a veciñanza sen necesidade de inscrición. E nesta ocasión, ademais, para poñer en valor o traballo desenvolvido polos médicos de familia durante toda a pandemia, está dedicado moi especialmente aos profesionais que temos máis preto. Un deses médicos foi Pedro Tasende Díaz, falecido a principios deste ano, que recibirá a homenaxe póstuma dos seus compañeiros e compañeiras e de toda a sociedade carballesa.
O pediatra Pedro Tasende Díaz, falecido a principios de ano, será homenaxeado polos compañeiros e compañeiras de profesión e pola sociedade carballesa
Juan Carlos Díaz del Valle destacou que, ademais de ser o pediatra dos seus fillos, foi un amigo e un grandísimo profesional, que aproveitaba as vacacións para seguir formándose. Alejandro Ávila salientou tamén a estreita relación que tiñan, non só porque foi o seu pediatra senón tamén porque foi un modelo e unha inspiración na súa carreira profesional. Evencio Ferrero puxo en valor ademais ao compromiso social de Pedro Tasende Díaz, que se materializou a través da súa participación política.
No II Encontro Médico de Bergantiños, cuxo programa podes ver máis abaixo, participarán bergantiñáns relacionados coa sanidade desde distintas áreas e con diferentes enfoques, como o médico de familia José González Rodríguez, a neurorradióloga Sonia Mosteiro Añón, o xornalista Manuel Rey Pan e o odontólogo Héctor Lema Paz. Pero, como na primeira edición e como se pretende seguir facendo nas vindeiras, tamén haberá unha poñente convidada, que neste caso será a cardióloga Marisa Crespo Leiro. Os médicos e médicas que queiran asistir deben inscribirse a través da web do Colexio de Médicos, no enderezo electrónico eco@comc.es ou no teléfono 981 295 899.