A Concellaría de Servizos Sociais e Igualdade promove durante as festas unha nova campaña contra as violencias
O obxectivo é sensibilizar á mocidade contra o acoso e as agresións sexuais e a favor dun consumo responsable de alcohol
Sábado 24 de xuño do 2023 Benestar
Persoal do punto violeta
A Concellaría de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade aproveita as festas de San Xoán para lanzar unha nova campaña orientada a sensibilizar á mocidade contra o acoso e as agresións sexuais, por unha banda, e a favor dun consumo responsable de alcohol, por outra. Froito da unión desas dúas mensaxes recuperamos o lema “Carballo en festas, agresións 0’0”.
A campaña forma parte do amplo e variado programa de accións que desenvolve a Concellaría de Igualdade e Benestar a través do Centro de Información á Muller (CIM) para o fomento da igualdade e contra a violencia machista. “O obxectivo é lanzar un reto ás mozas e aos mozos para que aproveiten os momentos de ocio e diversión ao máximo, pero sempre con respecto e sen necesidade de consumir alcohol en exceso para pasalo ben”, sinala a concelleira de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade, Maica Ures.
Para achegar a mensaxe á mocidade, neste San Xoán instalamos un punto violeta en distintos espazos. Coincidindo coa Cachela, o persoal atendeu aos visitantes no Rego da Balsa. Hoxe, día de San Xoán, estará situado na Praza do Concello, e mañá, na rúa da Estrela. O horario é de 22.30 a 01.30.
Tres mulleres con formación en igualdade e expertas en xénero, que non só ofrecen información e material identificativo da campaña, senón que tamén están dispoñibles para atender posibles imprevistos, como a necesidade de produtos de hixiene menstrual, por exemplo, e incluso para orientar e acompañar a persoas que poidan ser vítimas de calquera tipo de acoso.