Case 300 persoas e máis de 30 empresas participaron na Feira de Emprego Sénior organizada pola Cámara da Coruña
No acto de apertura participaron a vicepresidenta da entidade cameral, Luz Pardo, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero
Mércores 11 de decembro do 2024
O presidente de Axober, o alcalde, os representantes da Cámara e o concelleiro de Formación e Emprego, na entrada da feira
A Cámara de Comercio da Coruña celebrou este mércores no Fórum Carballo a súa III Feira de Emprego 45+. No acto institucional participaron a vicepresidenta da Cámara da Coruña, Luz Pardo, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero.
A vicepresidenta da Cámara de A Coruña, Luz Pardo, destacou que “ser sénior implica que hai detrás unha longa traxectoria laboral. Falamos de profesionais con ampla experiencia profesional, con alto coñecemento sobre a súa profesión e cunha gran cultura do esforzo que marcan de maneira determinante a súa disciplina á hora de enfrontarse aos novos desafíos. Todo iso, conforma un profesional máis eficaz e máis eficiente, que executa o seu traballo dun modo máis autónomo e independente”.
Pola súa banda, o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, animou ás persoas participantes a non abandonar a busca de emprego confiando en que nas próximas edicións deste encontro asistan menos persoas, “o que sería indicativo dunha mellora da situación laboral da comarca”.
A feira deu a oportunidade ás preto de 300 persoas de idades comprendidas entre os 45 e os 65 anos en procura activa de emprego de presentar os seus currículos e entrevistarse cos responsables de Recursos Humanos das 30 compañías que participaron procedentes de multitude de áreas como comercio e marketing, transporte e mantemento, madeira, hostalería e turismo, sanidade, fabricación mecánica, seguridade e medio ambiente, servizos socioculturais, alimentación, automoción, informática e telecomunicacións ou enxeñería, entre outras.
Segundo o Instituto Galego de Cualificacións, na área de Carballo contabilízanse na actualidade cerca de 3.000 persoas desempregadas maiores de 45 anos, o que supón un 63,62% do total. Se ampliamos o análise á demarcación cameral, supéranse as 26.000, un 62%, do que o 60% son mulleres.