Carballo acolle a clausura de “Degusta A Coruña”, o congreso gastronómico que reivindica a excelencia da provincia
As actividades celebraranse en Razo, cun programa exclusivo para profesionais que pechará o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira
Martes 29 de outubro do 2024
Carballo acolle a xornada de clausura da primeira edición de Degusta A Coruña, un congreso gastronómico organizado pola Deputación da Coruña no marco da iniciativa da área de Turismo A provincia que sabe, e que ten como finalidade reivindicar a excelencia da cadea agroalimentaria da provincia.
O vicepresidente provincial e deputado de Turismo, Xosé Regueira, destaca a aposta que se está a realizar desde o seu departamento "pola gastronomía e a cadea de valor agroalimentaria como primeiro produto turístico do noso escaparate". Nese sentido, sinalou que nos últimos anos, "esta provincia pasou de ser un territorio de boa comida a un territorio gastronómico, precisamente grazas ao traballo de todos os elos desa cadea e ao de restauradores xoves que tratan o produto do mellor xeito e nos ofrecen experiencias gastronómicas de primeiro nivel. Ese é -engadiu- o obxectivo deste congreso: poñer en valor un sector que, ademais, traballa en conxunto e alianzas, ademais de falar de futurismo: o futuro do turismo e da gastronomía".
Nesta xornada de clausura, que se celebra este mércores 30 de outubro no Náutico de Razo, desenvolveranse unha serie de actos pechados á participación de profesionais do sector. O programa é o seguinte:
- 14:00h. - 14:30h. Cociña a seis mans, con Iván Domínguez, Nado; Lolo Mosteiro, A Artesa da Moza Crecha, e Paula Martínez, A Artesa da Moza Crecha.
- 14:30h. - 16:00h. Fin de festa con Lolo Mosteiro e Paula Martínez, A Artesa da Moza Crecha.
- 15:30h. - 16:15h. Faladoiros A provincia que sabe, con Álvaro Victoriano, Coruña Cocina e Grupo Peculiar; Pepe Formoso, Asociación de Hostaleiros da Costa da Morte APTCM; Nieves Millán, Enoturismo María Manuela; Lucía Calvo e José Iglesias, La Despensa D’Lujo; Roberto Vidal Pombo, Festa do Percebe; Carmela Cano, Galmesán; Pascual Tarrón, A Conserveira, e Darío Capelo e Grace Castro, Chichalovers.
- 16:15h. - 16:30h. Relatorio de clausura con Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña.
"A axenda 2030 obríganos a repensar moitas cuestións, tamén relacionadas coa gastronomía, tanto a nivel global como local, e este congreso pareceunos un espazo idóneo para reflexionar sobre estes retos de futuro", apuntou Regueira.