Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
O Antroido carballés reparte preto de 7.000 euros entre premios e subvencións para os disfraces, comparsas e carrozas

ENTRE O 12 E O 16 DE FEBREIRO

O Antroido carballés reparte preto de 7.000 euros entre premios e subvencións para os disfraces, comparsas e carrozas

Venres 5 de febreiro do 2010

Carballo vestirase de Antroido entre o venres 12 e o martes 16 de febreiro para repartir un total de 4.550 euros en subvencións e 2.425 euros en premios entre o Concurso de disfraces, comparsas e carrozas e o Enterro da Sardiña, que terán lugar o domingo 14 e o martes 16, respectivamente. En total, preto de 7.000 euros para artellar os pratos fortes dun programa no que tamén hai que subliñar a presenza de animación de rúa, de obradoiros de Antroido na Ludoteca municipal, de bailes nas parroquias de Berdillo, Sofán, Rus, Razo ou Cances e a celebración de dous bailes para maiores coa degustación de orellas e filloas. Todo pensado para que "non falte a festa e para que teñamos a ocasión de ver bos, divertidos e atrevidos disfraces", en verbas do Alcalde, Evencio Ferrero.

Principian os traballos de urbanización do polígono 27 da capital municipal, situado no entorno da Rúa Perú

MELLORA DAS RÚAS CHILE, BOS AIRES E PONTEVEDRA

Principian os traballos de urbanización do polígono 27 da capital municipal, situado no entorno da Rúa Perú

Venres 5 de febreiro do 2010

A principios desta semana os operarios da empresa Construcciones Vázquez y Reino comezaron a delimitar a zona onde xa se están desenvolvendo nestes momentos os traballos de urbanización do polígono 27 da capital carballesa. A actuación comprende un ámbito de máis de 10.000 metros cadrados no entorno da rúa Perú, aínda que tamén supón a dotación de servizos para as rúas Chile, Bos Aires e Pontevedra. En todas elas está prevista a instalación de canalizacións e alumeado, a pavimentación do firme e a creación de beirarrúas, do mesmo xeito que se ten feito xa no polígono 26, situado ao seu carón e que supuxo a mellora do primeiro treito da rúa Perú. O desenvolvemento desta zona implica a cesión ao Concello dunha parcela de 1.300 metros cadrados para equipamentos.

O teatro de Mofa e Befa e a maxia de Kiko Pastur centran a oferta dos Venres Culturais

O VENRES 5 E O DOMINGO 7 DE FEBREIRO

O teatro de Mofa e Befa e a maxia de Kiko Pastur centran a oferta dos Venres Culturais

Xoves 4 de febreiro do 2010

Os Venres Culturais estrean o mes de febreiro centrados no teatro e na maxia. O dúo cómico Mofa e Befa, dirixido por Quico Cadaval, presenta o venres 5 ás 21.00 horas 'Shakespeare para ignorantes', unha delirante comedia que realiza unha viaxe por algunhas das escenas máis descoñecidas do dramaturgo. Mofa e Befa, ou o que é o mesmo, Vítor Mosqueira e Evaristo Calvo, son dous vellos coñecidos do público carballés. Coa súa imaxinación, a súa ironía e o seu humor delirante seguro que espertan as gargalladas do público do auditorio do Pazo da Cultura. A entrada é de 3,5 euros, 2,5 con desconto. O domingo 7, ás 18,00 horas é a quenda do ciclo 'En familia', neste caso co espectáculo 'Somorgujo', do mago Kiko Pastur, centrado na maxia de preto e un guión próximo ao misterio. O prezo da entrada é 2,5 euros, 2 con desconto.

Aberto o prazo para anotarse no Concurso de Disfraces, Comparsas e Carrozas de Antroido

INSCRICIÓNS PARA O ENTERRO DA SARDIÑA

Aberto o prazo para anotarse no Concurso de Disfraces, Comparsas e Carrozas de Antroido

Mércores 3 de febreiro do 2010

A Concellaría de Cultura informa de que xa está aberto o prazo para anotarse no Concurso de Disfraces, Comparsas e Carrozas do Antroido 2010, que ten lugar o día 14 de febreiro ás 18.00 horas na Praza do Concello. As comparsas e carrozas teñen de prazo para a inscrición até o venres 12 de febreiro no Pazo da Cultura, mentres que os participantes con disfraces en grupos, parellas ou individual poden facelo até o mesmo 14 de febreiro unha hora antes de que principie o concurso, na mesma Praza. Así mesmo, tamén está aberto o prazo para participar no Enterro da Sardiña, que ten lugar o martes de Antroido, 16 de febreiro, ás 21.30 horas. Os interesados e interesadas poden anotarse no Pazo da Cultura antes do 12 de febreiro, ou o mesmo día 16 de 20.00 a 21.00 horas no Concello.

O Concello favorece a integración das mulleres inmigrantes coa celebración de cursos formativos

ENTREGA DE DIPLOMAS

O Concello favorece a integración das mulleres inmigrantes coa celebración de cursos formativos

Martes 2 de febreiro do 2010

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a Concelleira de Cultura e Emigración, Belén Lendoiro, veñen de entregar os diplomas acreditativos da realización dun Curso de Restauración de 100 horas de duración para formar a mulleres pertencentes ao colectivo inmigrante e favorecer así o seu asentamento na vila e a súa integración no mercado laboral. Un total de seis mulleres asistiron a esta actividade, que completa outra de 40 horas de duración, realizada previamente, e na que participaron 16 persoas. Segundo explicou Belén Lendoiro, elixiuse o sector servizos pensando nas características de Carballo, unha localidade especialmente relevante pola súa actividade hostaleira. O Concello, que organizou esta iniciativa en conxunción con liñas de axudas da Xunta de Galicia, espera seguir ofrecendo novas actividades formativas no futuro.

Aprobado o proxecto de urbanización do polígono 11, situado no entorno da Vila de Negreira

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

Aprobado o proxecto de urbanización do polígono 11, situado no entorno da Vila de Negreira

Luns 1 de febreiro do 2010

A Xunta de Goberno Local celebrada o luns 1 de febreiro vén de dar o visto e prace á aprobación definitiva do proxecto de urbanización do polígono 11 da capital municipal carballesa, situado no entorno da Vila de Negreira e o Camiño do Bosque. O ámbito ten unha superficie de 5.200 metros cadrados e o seu desenvolvemento realizarase mediante unha xunta de compensación. Segundo consta no PXOM (Plan Xeral de Ordenación Municipal), o obxectivo deste polígono é completar a ordenación do chan urbano, garantindo a cesión pública destinada a zona verde. Delimítase unha mazá de reducidas dimensións, adaptándose os aliñamentos ás aperturas viarias transversais da zona da Lagoa. Os prazos de execución das obras fíxanse en seis meses para o seu inicio e 18 meses para a súa finalización dende a aprobación do proxecto de urbanización.

O programa dos Venres Culturais continúa con música clásica e con teatro infantil

A BANDA DO CONSERVATORIO DA CORUÑA E TALÍA TEATRO

O programa dos Venres Culturais continúa con música clásica e con teatro infantil

Xoves 28 de xaneiro do 2010

Os Venres Culturais 2010 seguen esta fin de semana, o venres 29 e o domingo 31 de xaneiro, con dúas apostas ben distintas: música clásica e teatro. O venres está previsto o concerto da Banda Sinfónica do Conservatorio Superior de Música da Coruña, que presentará un programa moi variado, dende composicións destinadas ao cine até a música clásica. A cita é a partires das 21.00 horas no Pazo da Cultura, e a entrada é de balde. En cambio, o domingo é a quenda para a representación da función infantil 'Valentino Rufini e Âkil Pillabán de viaxe a Milán (e van sen un can)', dirixida ao público familiar. Neste caso, a representación é a partires das 18.00 horas, dentro do ciclo 'En familia' e custa 2,5 euros -2 euros prezo especial con desconto-.

A Policía Local confirma unha tendencia positiva en canto á mellora da seguridade no ano 2009

PROTECCIÓN CIVIL ATENDEU UN TOTAL DE 349 EMERXENCIAS

A Policía Local confirma unha tendencia positiva en canto á mellora da seguridade no ano 2009

Mércores 27 de xaneiro do 2010

O balance da Policía Local respecto da actividade desenvolvida durante 2009 indica unha tendencia positiva en canto á mellora da seguridade e que baixaron tanto o número de accidentes de tráfico (con 30 menos respecto de 2008) como os peóns feridos en accidentes de circulación (con 10 menos respecto ao ano anterior). Así mesmo, o balance de actividades do servizo municipal de Protección Civil indica que se teñen rexistrado 2.686 intervencións, un total de 652 máis que en 2008. Javier Souto Facal, responsable do servizo, indica que este incremento é debido fundamentalmente ao ciclón Klaus e ao forte temporal que se rexistrou no Concello a finais de 2009. En canto ás emerxencias, téñense rexistrado un total de 349, tanto en Carballo como noutros puntos de Bergantiños.

Aprobados no pleno os orzamentos do Concello para 2010, que inclúen 5,5 millóns de euros de investimentos reais

LUZ VERDE PARA O FONDO ESTATAL

Aprobados no pleno os orzamentos do Concello para 2010, que inclúen 5,5 millóns de euros de investimentos reais

Martes 26 de xaneiro do 2010

A sesión plenaria ordinaria do mes de xaneiro saldouse, despois de máis de tres horas de duración, coa aprobación dos orzamentos do Concello para 2010, que suman 23,2 millóns de euros (incluíndo os 884.000 euros das contas do Padroado Deportivo Municipal) e que implican 5,5 millóns de euros de investimentos reais, una cifra que rolda o 25 por cento do importe total do presuposto. Entre as partidas recollidas, destaca unha achega 1.172.562,55 euros para culminar o proxecto Fórum Carballo no barrio da Milagrosa (a maqueta, na imaxe); ou unha de 1.500.000 euros para a construción dunha biblioteca comarcal. O pleno tamén supuxo a aprobación do Fondo Estatal para o Emprego e a Sostenibilidade Local 2010, que implica un investimento de 3.313.745,73 euros.

Carballo acolle o 31 de xaneiro a celebración do Campionato Galego Absoluto de Campo a través

NO POLÍGONO DE BÉRTOA A PARTIRES DAS 11.00 HORAS

Carballo acolle o 31 de xaneiro a celebración do Campionato Galego Absoluto de Campo a través

Martes 26 de xaneiro do 2010

O circuíto de cross do polígono de Bértoa de Carballo acolle o domingo 31 de xaneiro a celebración do Campionato Galego Absoluto de Campo a través. Trátase da competición atlética máis antiga de Galicia, xa que a súa primeira edición disputouse en Vigo no ano 1916 con 43 corredores sobre dunha distancia de 5.000 metros. Está será a LXXV edición en homes e a XLIII en mulleres, mentres que as categorías serán júnior, promesa e sénior (absoluta) individual e por equipos. O Presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillo, subliñou que a proba será decisiva para conformar a selección galega que participará no Campionato de España que terá lugar na Torre de Hércules da Coruña. Tamén servirá para conformar a selección de clubes.

O Feirón de Inverno dinamízase cun sorteo de vales de compra por 150 euros, con actuación musicais e coa cuarta Ruta do Pincho

DOMINGO 30 DE XANEIRO DE 9.30 A 14.30 HORAS

O Feirón de Inverno dinamízase cun sorteo de vales de compra por 150 euros, con actuación musicais e coa cuarta Ruta do Pincho

Martes 26 de xaneiro do 2010

O domingo 30 de xaneiro Carballo acolle o Feirón de Inverno, a décima cita enmarcada dentro da iniciativa dos Feiróns de Tempada, nacida en 2008 co obxectivo de impulsar o comercio local e consolidar e dinamizar as feiras tradicionais. Nesta ocasión haberá novas actividades, centradas especialmente na dinamización do edificio do novo mercado. Así, desenvolverase unha campaña durante a fin de semana na que se sortearán, entre os clientes da praza de abastos que realicen as súas compras no mercado o sábado 29 e o domingo 30 de xaneiro, tres lotes de compra de 50 euros (divididos en vales por un importe de 10 euros) para gastar nos establecementos da praza, tanto os exteriores como os de alimentación do interior. Ademais, o domingo 30 entre as 9.30 e as 14.30 horas, no foro do primeiro andar do mercado municipal (andar 0 dende o acceso da Gran Vía) haberá un punto de información sobre Merca-do bo, unha iniciativa que pretende fomentar o consumo de produtos da terra e de produtos de calidade para acadar unha dieta sa. Nese mesmo espazo realizarase o sorteo das rifas ás 13.30 horas. Así mesmo, está prevista unha actuación musical, tamén na praza de abastos e nos postos e espazos do Feirón, a cargo do Dúo Sobre Rodas.

Carballo pon en marcha a I Ruta do Pincho de Inverno entre o 30 de xaneiro e o 28 de febreiro

FEIRÓN DE INVERNO 2010

Carballo pon en marcha a I Ruta do Pincho de Inverno entre o 30 de xaneiro e o 28 de febreiro

Sábado 23 de xaneiro do 2010

Despois da exitosa experiencia da I Ruta do Pincho de Verán, o Concello de Carballo, a través da Concellaría de Promoción Económica, e en colaboración cos locais hostaleiros do casco urbano, pon en marcha a I Ruta do Pincho de Inverno, que ten lugar entre o 30 de xaneiro e o 28 de febreiro. Un total de once establecementos de restauración participan na iniciativa, que comeza coincidindo coa celebración do Feirón de Inverno 2010 o último domingo de xaneiro. O horario da iniciativa é os sábados e domingos de 13.00 a 15.00 e de 20.00 a 22.00 horas, cunha pequena variación respecto do Pincho de Verán (en que era de 12.00 a 14.00 horas). Tamén está previsto mellorar os premios para os veciños e veciñas que participen, xa que poderán gañar unha estadía no Balneario de Carballo, ou ben unha cea por valor de 100 euros nun dos locais hostaleiros que colaboran na ruta.

Compartir: