Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
A oferta musical das festas de San Xoán 2010 arrinca co festival Rockin' na Praza do Concello

SÁBADO 12 ÁS 21.30 HORAS

A oferta musical das festas de San Xoán 2010 arrinca co festival Rockin' na Praza do Concello

Xoves 10 de xuño do 2010

A Praza do Concello convértese un ano máis, e por terceiro ano, nunha grande sala onde o rock and roll volverá a estar presente no seu estado máis puro co festival Rockin'. Trala edición de 2009 na que participaron bandas como Chesterfield Kings ou Roy Loney & Señor No, nesta nova cita continúase nesta mesma liña na que as formacións internacionais máis clásicas danse a man con algunhas das bandas galegas máis interesantes do momento. Neste Rockin' pasearanse polo escenario os carballeses Killer Cats, os galegos Dr. Gringo e os norteamericanos Sour Jazz, acompañados de Daniel Rey -productor de Los Ramones ou Iggy Pop-, e Barrence Whitfield, acompañado de Petti & The Bloodyhotsak. Como peche, a presenza de dous grandes pinchadiscos Elbarracudo & Bigaszekene, responsables das mellores veladas que se recordan nas máis emblemáticas cabinas dos locais de Ponferrada. Un cartel para vibrar de balde dunha auténtica noite de rock and roll: o sábado 12 de xuño na Praza do Concello a partires das 21.30 horas.

Mabel Rivera encarna a María Callas en 'Master Class': o sábado 12 de xuño no Pazo da Cultura

ENTRADAS Á VENDA NO MUSEO DE BERGANTIÑOS

Mabel Rivera encarna a María Callas en 'Master Class': o sábado 12 de xuño no Pazo da Cultura

Mércores 9 de xuño do 2010

Bengala Produccións SL presenta 'Master Class', unha obra teatral na que a recoñecida actriz galega Mabel Rivera encarna a unha das divas da ópera máis célebres, a "divina" María Callas. Esta obra de teatro é unha adaptación ao galego do musical de Terrence McNally, que toma como pretexto as famosas clases maxistrais (ou 'master classes') que impartiu María Callas na academia neoiorquina Juilliard. Nestas ensinanzas María Callas fixo un acercamento a algúns dos seus mellores éxitos, como 'Lady Macbeth' ou 'Tosca', a través das interpretacións dos seus alumnos durante unha audición, e nesta proposta tamén se realiza unha incursión na Callas máis íntima, máis lonxe da súa imaxe pública. Este espectáculo, incluído no programa das Festas de San Xoán 2010, represéntase o sábado 12 de xuño no Pazo da Cultura a partir das 21.00 horas. As entradas custan 6 euros e poden mercarse e reservarse no Museo de Bergantiños ata o día da función. Máis información no 981 702 077.

Básket Xiria e Escola Lubiáns únense para mellorar a oferta das súas Escolas Deportivas de Verán

DO 1 DE XULLO AO 31 DE AGOSTO

Básket Xiria e Escola Lubiáns únense para mellorar a oferta das súas Escolas Deportivas de Verán

Martes 8 de xuño do 2010

Xa está aberto o prazo para anotarse nas Escolas Deportivas de Verán de Básket Xiria e Escola Lubiáns, dúas entidades que se unen por primeira vez este ano para completar a oferta das actividades que os máis cativos e cativas que se anoten poderán desenvolver entre o 1 de xullo e o 31 de agosto. Así, os rapaces e rapazas poderán practicar indistintamente hóckey ou baloncesto, ademais de contar cunha aula de estudo e unha ampla oferta de actividades relacionadas coa natureza, como sendeirismo ou deporte na praia. De feito, tanto dende Básket Xiria como dende Escola Lubiáns subliñan o feito de que a súa colaboración ten fructificado nun incremento na calidade das actividades e número de saídas fóra do Pavillón do IES Isidro Parga Pondal, onde se desenvolven as escolas. O horario é de luns a venres de 10.00 a 14.00 horas, coa posibilidade de deixar aos asistentes a partires das 9.30 horas para tentar axudar a conciliar a vida laboral e familiar. Máis información nos teléfonos 981 758 554, 630 691 416 e 626 913 051.

Carballo acolle a VI edición do Curso de Verán de Dinamización Lingüística da Universidade da Coruña

ENTRE O 14 E O 16 DE XULLO

Carballo acolle a VI edición do Curso de Verán de Dinamización Lingüística da Universidade da Coruña

Luns 7 de xuño do 2010

A Universidade da Coruña, en colaboración co Concello de Carballo, a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) e a Deputación da Coruña, organiza a sexta edición do curso de verán sobre dinamización lingüística, que terá lugar no Pazo da Cultura de Carballo os días 14, 15 e 16 de xullo e que se centrará na análise e debate da promoción social da lingua nos espazos de lecer e nas accións culturais. O curso, no que poden participar un máximo de 60 persoas, está dirixido ás persoas que traballan no ámbito da normalización lingüística, tanto en entidades públicas como no ensino ou en entidades privadas. A preinscrición no curso pode facerse até o día 23 de xuño a través do sitio web do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña (www.udc.es/snl). A edición deste ano centrarase na creatividade para a lingua e analizará a relación entre a política cultural, o lecer e a política lingüística.

Adxudicación provisional do contrato para a 'Reposición de camiños nas parroquias do Concello de Carballo'

CONVENIO COA DEPUTACIÓN PARA O SOSTEMENTO DO GRUMIR

Adxudicación provisional do contrato para a 'Reposición de camiños nas parroquias do Concello de Carballo'

Luns 7 de xuño do 2010

A Xunta de Goberno Local vén de acordar, en sesión ordinaria, a adxudicación provisional do contrato de obra de 'Reposición de camiños nas parroquias do Concello de Carballo'. Esta actuación está incluída na segunda fase do Plan Provincial de Axuda contra a Crise, PAC-2 2009 da Deputación provincial. A empresa adxudicataria é Eulogio Viñal Obras y Construcciones SA. O prezo de adxudicación é de 188.895,53 euros, IVE incluído, e o prazo de execución da obra é de doce semanas, a contar dende ao día seguinte á sinatura da acta de replantexamento. Así mesmo, a Xunta de Goberno serviu para aprobar un convenio de colaboración coa Deputación provincial para o sostemento do Grupo Municipal de Intervención Rápida (Grumir). O organismo provincial contribuirá ao financiamento da actividade cunha achega máxima de 45.000 euros, que irán destinados a financiar os gastos de persoal, así como parte dos materiais. O acordo terá vixencia dende a súa sinatura até o 31 de marzo de 2011 e ten efectos retroactivos dende o 1 de xaneiro de 2010. O convenio poderá ser prorrogado por acordo expreso de ambas partes.

As verbenas, Tamara, 'O baile de Ardebullo' o festival Rockin e a Festa do Bosque, protagonistas do San Xoán 2010

LUCIANO CALVO LE O PREGÓN DAS FESTAS O MARTES 22

As verbenas, Tamara, 'O baile de Ardebullo' o festival Rockin e a Festa do Bosque, protagonistas do San Xoán 2010

Sábado 5 de xuño do 2010

As Festas de San Xoán 2010 nacen coa arela de unir tradición e modernidade e con ese obxectivo presentouse un programa no que os principais protagonistas da semana grande serán a coñecida cantante de boleros Tamara, as Cantareiras de Ardebullo cun espectáculo humorístico e musical e a xa tradicional Festa do Bosque. Antes, e para abrir a festa, volve este ano unha nova edición do Rockin, con artistas locais e norteamericanos o 12 de xuño. Non faltan as actividades culturais, coa presentación de 'Master Class' de Mabel Rivera, ou as deportivas, entre as que destaca a celebración do VI Torneo Internacional de Fútbol 7 Concello de Carballo. E por suposto tamén están as verbenas, continuadas dende o mércores 23 e até o domingo 27 de xuño. Trátase dun programa feito "axustando o orzamento e buscando novas fontes de financiamento para que non se resinta", segundo a Concelleira Belén Lendoiro. Un programa que abre o pregoeiro deste ano, Luciano Calvo Pumpido, recoñecido en verbas do Alcalde, Evencio Ferrero, porque "moita da actividade recreativa, social e deportiva de Carballo non sería posible sen o contributo de Conservas Calvo".

A praia carballesa das Saíñas contará por primeira vez este verán co distintivo da Bandeira Azul

HABILITADA UNHA NOVA ZONA DE ESTACIONAMENTO EN PEDRA DO SAL

A praia carballesa das Saíñas contará por primeira vez este verán co distintivo da Bandeira Azul

Xoves 3 de xuño do 2010

O areal carballés das Saíñas conta este ano e por primeira vez co distintivo de Bandeira Azul que concede a ONG Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC). Nos últimos anos viñan sendo as praias de Razo e de Pedra do Sal as que contaban coa bandeira, pero finalmente agora uniuse a das Saíñas, co que en tres dos areais do termo municipal ondeará o distintivo este verán, sendo o único municipio da Costa da Morte que conte con tres bandeiras azuis. Esta bandeira recoñece non só a calidade das augas, senón tamén a calidade dos servizos, da xestión ambiental, da seguridade e en xeral das instalacións das que dispoñen estes espazos naturais, atendendo a accesibilidade, o feito de que exista recollida selectiva, o servizo de salvamento e socorrismo, etc. Para conseguir a Bandeira Azul é preciso realizar numerosos controis, entre os que destacan as análises periódicas das augas dos areais. Hoxe en día a campaña da Bandeira Azul desenvólvese anualmente en máis de 40 estados de cinco continentes, incluíndo a práctica totalidade dos estados da Unión Europea.

A cantante Uxía actúa no Pazo da Cultura como homenaxe a Uxío Novoneyra

XOVES 3 DE XUÑO ÁS 21.00 HORAS

A cantante Uxía actúa no Pazo da Cultura como homenaxe a Uxío Novoneyra

Mércores 2 de xuño do 2010

O xoves día 3 de xuño, ás 21.00 horas, o Pazo da Cultura de Carballo acolle o acto 'Canto de permanencia', homenaxe a Uxío Novoneyra, organizado pola Asociación Cultural Lumieira en colaboración co Concello de Carballo, a Fundación Manuel María de Estudos Galegos e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG). A entrada é libre e gratuíta. O programa desta homenaxe articúlase en tres partes que se complementan e que son, no seu conxunto, un convite a ler a obra do poeta. Na primeira parte é o propio Uxío o único protagonista, coa súa voz e os seus textos gravados. Na segunda, Uxía Senlle pon música e voz aos poemas de Novoneyra e na terceira a interpretación desa poesía faise desde un audiovisual creativo. Con este evento, a Asociación Cultural Lumieira e o Concello de Carballo queren contribuír ao recoñecemento dun gran poeta e á difusión da súa obra, un canto que merece pervivir e ser gozado polas xeracións futuras.

O Planetario Viaxeiro da Obra Social La Caixa permanece no Pazo da Cultura até o 14 de xuño

NA SALA DA BAIXOCUBERTA CON CITA PREVIA

O Planetario Viaxeiro da Obra Social La Caixa permanece no Pazo da Cultura até o 14 de xuño

Mércores 2 de xuño do 2010

A sala da baixocuberta do Pazo da Cultura acolle dende hoxe, 2 de xuño, e até o luns 14 deste mes a iniciativa 'Planetario Viaxeiro', unha cúpula itinerante destinada á aprendizaxe e divulgación da astronomía e que permanece en Carballo da man da Obra Social Fundación La Caixa. Esta actividade, que desvela algúns dos segredos das estrelas e do orbe celeste, está gratuitamente a disposición dos centros educativos da vila polas mañás, pero tamén aberta de balde para o público en xeral polas tardes. Na xornada da súa estrea, o 'Planetario Viaxeiro' ten acollido tres sesións para o alumnado de Primaria do CEIP A Cristina, aínda que seguirán asistindo por quendas máis nenos e nenas dos centros educativos municipais. Todas as visitas deben realizarse solicitando unha cita previa, xa que a actividade inclúe a presenza dun monitor/a para facilitar as explicacións e poñer en marcha o aparello. Pode pedirse cita polas mañás no 981 704 300. Máis información no Pazo da Cultura.

O pleno acorda a redución dos salarios dos concelleiros con dedicación exclusiva entre un 5 e un 7 por cento

APROBADA A 2ª FASE DO TRASLADO DE POSTOS DO MERCADO

O pleno acorda a redución dos salarios dos concelleiros con dedicación exclusiva entre un 5 e un 7 por cento

Martes 1 de xuño do 2010

O pleno carballés vén de aprobar, a través dunha proposta da Concelleira de Facenda, María Jesús Vázquez, a redución dos salarios dos concelleiros do Goberno con dedicación exclusiva. Esta rebaixa nas retribucións realízase con cargo ao acordo da FEMP e da FEGAMP (Federacións Española e Galega de Municipios e Provincias) establecido por tramos. Así, cun salario total de entre 54.615 e 41.055 euros, a redución aplicable é dun 7%; neste caso, estaría afectado o soldo do Tenente de Alcalde, José Antonio Viña. Cun salario total de entre 41.055 e 27.495 euros, a redución estipulada é dun 6%; neste tramo entrarían os soldos do Alcalde, Evencio Ferrero, do Concelleiro de Obras e Servizos, Luís Lamas, do Concelleiro de Persoal, Réxime Interior, Policía, Tráfico e Praias, Benedito Viña, e da Concelleira de Cultura, Belén Lendoiro. Por último, recóllese un terceiro tramo para os salarios de entre 27.495 e 13.935 euros, que experimentarían unha redución dun 5%; esta rebaixa aféctalles ao Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, e á de Facenda, María Jesús Vázquez.

Mabel Rivera abre o programa das Festas de San Xoán coa representación de 'Master Class'

SÁBADO 12 DE XUÑO ÁS 21.00 HORAS

Mabel Rivera abre o programa das Festas de San Xoán coa representación de 'Master Class'

Luns 31 de maio do 2010

A primeira das actividades das festas de San Xoán 2010 que poderemos desfrutar é o novo espectáculo da productora Bengala Produccións SL, 'Master Class', no que participa a recoñecida actriz galega Mabel Rivera representando a unha das divas da ópera máis celebres. Esta obra de teatro é unha adaptación ao galego do musical de Terrence McNally, que toma como pretexto as famosas clases maxistrais (ou 'master classes') que impartiu María Callas na academia neoiorquina Juilliard. Nestas ensinanzas María Callas fixo un acercamento a algúns dos seus mellores éxitos, como 'Lady Macbeth' ou 'Tosca', a través das interpretacións dos seus alumnos durante unha audición, e nesta proposta tamén se realiza unha incursión na Callas máis íntima, máis lonxe da súa imaxe pública. Este espectáculo terá lugar o sábado 12 de xuño no Pazo da Cultura ás 21.00 horas.

Máis de 300 persoas asisten ao peche do Programa de Exercicio Físico para Maiores 2009-2010

AS ACTIVIDADES TIVERON LUGAR ENTRE OUTUBRO E MAIO

Máis de 300 persoas asisten ao peche do Programa de Exercicio Físico para Maiores 2009-2010

Luns 31 de maio do 2010

Máis de 300 persoas asistiron o pasado sábado 29 de maio no Pavillón Carballo Calero da capital municipal ao peche do Programa de Exercicio Físico para Maiores que se ten desenvolvido no curso 2009-2010 entre os meses de outubro e maio. Un total de 331 persoas asistiron regularmente ás actividades desta iniciativa, que rematou cun acto no que estiveron presentes o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, a Concelleira de Terceira Idade, Carmen Regueira, e os monitores que imparten as sesións. A cita contou cunha exhibición de cada un dos 13 grupos nos que está dividido o programa, así como cuns pinchos saudables. Os grupos están distribuídos en seis no casco urbano e sete nas parroquias de Berdillo, Cances, Entrecruces, Imende, Noicela, Razo e Rus. Os maiores desenvolven neste programa sesións de exercicio físico de intensidade baixa ou moderada para contribuír a mellorar a súa saúde.

Compartir: