OUTONO DE TEATRO
Venres 10 de outubro do 2008
A compañía valenciana L'Om Imprebís faise esta fin de semana co Festival Internacional Outono de Teatro -co permiso de Talía Teatro, que abre o venres 10 de outubro o programa co seu 'Anfitrión'. Así, o sábado 11 chega ata o auditorio do Pazo da Cultura o clásico entre os clásicos do teatro español, o 'Don Juan Tenorio' de José Zorrilla; e o domingo ábrese unha proposta completamente diferente, baseada na improvisación e no bo facer de dous actores no escenario. Trátase de 'Imprebís', un espectáculo conformado a partir das ideas, das frases ou suxestión que propón o público espectador.
FIOT '08
Xoves 9 de outubro do 2008
Teatro de sala, de rúa e de exposición. Esta é a oferta que o Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) propón esta fin de semana para marcar o punto de partida dos espectáculos no Pazo da Cultura. Serán os locais Talía Teatro, os encargados de abrir o venres 10 as representacións coa obra 'Anfitrión, e ti quen ves sendo?'. Con esta proposta, a compañía de Cee quere celebrar con moito humor os seus vinte anos de traxectoria, polo que preparou esta produción especial, baseada no xenial clásico de Plauto, con dirección de Cándido Pazó e na que participa todo o elenco da compañía.
BRIGADA DE MEDIO AMBIENTE
Martes 7 de outubro do 2008
A Brigada de Medio Ambiente do Concello de Carballo ten eliminado ao longo dos pasados meses de agosto e setembro un total de 20 vertedoiros incontrolados situados en distintas parroquias do municipio. A maior parte deles estaban ubicados en pistas secundarias, sendo na maioría dos casos residuos considerados como voluminosos, con obxectos como electrodomésticos vellos, colchóns ou persianas. Os operarios municipais xa os teñen suprimido, levando os restos ao Punto Limpo do polígono de Bértoa.
DEPORTE
Luns 6 de outubro do 2008
A capital municipal carballesa acolle o 12 de outubro o IV Torneo de Baloncesto Festas do Pilar, unha cita que este ano aglutina ao deporte de base de cinco clubes como son o do colexio Artai carballés, o ACB Costa da Morte, o Basquet Coruña, o CB Culleredo e o CB Rosalía, ademais das preseleccións da Federación Galega de Baloncesto. Nesta edición, o torneo chega a un novo nivel e amplía a súa marxe de acción ao poder contar coas categorías inferiores de clubes como o Basquet Coruña, que conta hoxe en día coa maior canteira de xóvenes baloncestistas de Galicia.
NOVAS TECNOLOXÍAS
Luns 6 de outubro do 2008
O Telecentro-Aula de Informática do Concello de Carballo acolle o martes 7 de outubro a proxección dos filmes que toman parte no III certame Curtas na Rede que organiza a Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Comunicación e do Consello da Xuventude. Entre as 18.00 e as 20.30 horas, os interesados poderán acudir ao Telecentro do Pazo da Cultura, que, conectado con outras aulas tecnolóxicas galegas como as de Arzúa, Santa Comba, Monterroso, Carballiño, Lalín, Vilagarcía ou Tui, ademais de co Centro Multimedia de Galicia, emitirá de xeito simultáneo algunhas das curtas que participan no concurso.
O PRAZO PARA A CONTRUCIÓN É ATA O ANO 2017
Domingo 5 de outubro do 2008
O Concello carballés contará cun total de 598 vivendas de protección autonómica na Agra da Lagoa da capital municipal de man do Plan Sectorial de Solo Residencial de Galicia 2009-2017 presentado esta semana pola Consellería de Vivenda da Xunta. O proxecto implica unha inversión en Carballo de 15,5 millóns de euros e unha actuación nun ámbito dunha superficie de preto de 97.000 metros cadrados.
NOVAS TECNOLOXÍAS
Sábado 4 de outubro do 2008
O Concello de Carballo invita aos veciños e veciñas que o desexen a coñecer o 'Proxecto de provisión dun servizo de Internet no rural por banda ampla para o municipio de Carballo'. A presentación é o venres 7 de novembro ás 20.00 horas no Telecentro situado no segundo andar do Pazo da Cultura. Está previsto que asistan o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel García Guillín; e representantes dunha das empresas interesadas en desenvolver o proxecto.
O CONCELLO PIDE APOIOS COA RECOLLIDA DE SINATURAS
Venres 3 de outubro do 2008
O Concello acaba de presentar aos carballeses e carballesas o proxecto Temunde, unha proposta coa que a Administración Local opta aos fondos europeos do programa Concerto, que apoia a comunidades locais no desenvolvemento de iniciativas en prol da sustentabilidade e da eficiencia enerxética. O Temunde xorde como unha proposta que pretende cubrir, a través de fontes renovables, o suministro de calor e electricidade de preto de 2.000 veciños e veciñas dos barrios da Milagrosa, A Casilla e O Igrexario, e que conta cun orzamento global de 12 millóns de euros.
OUTONO DE TEATRO
Venres 3 de outubro do 2008
Unha vez máis, o Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) complementa o seu completo programa de teatro de sala no auditorio do Pazo da Cultura con outros espectáculos de pequeno formato que atraen cada ano a numerosos veciños e veciñas nunha concorrida procesión polos locais de hostalería da capital municipal. Unha ducia de pubs, cafetarías e tascas de Carballo acollen propostas nas que se mesturan o teatro, os monólogos, a música ou o cabaré nesta X edición da Rúa dos Contos, na que o venres 3 e o sábado 4 de outubro haberá ata once ofertas nas que elixir.
FORMACIÓN E EMPREGO
Xoves 2 de outubro do 2008
A Consellería de Innovación, a través da Federación Galega de Parques Empresariais (Fegape), organiza no Viveiro de Empresas do Polígono de Bértoa tres cursiños gratuítos destinados á formación de empresarios e traballadores. Abordaranse temas como o Comercio Electrónico, a Factura Electrónica ou o DNI Dixital e terán nove horas de duración cada un, aproximadamente. As inscricións formalízanse a través do Fegape e cada actividade contará cun aforo dunhas 15 persoas. O obxectivo destes cursiños -que se desenvolverán entre o 13 de outubro e o 18 de novembro- é formar aos empresarios na sociedade da información e nas novas tecnoloxías.
MEDIO AMBIENTE
Xoves 2 de outubro do 2008
O Consello da Xunta autorizou hoxe -2 de outubro- á Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible a investir 2.800.068 euros na dotación dunha Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) e de colectores xerais para a zona costeira de Baldaio. O orzamento estará dividido en tres partidas distribuídas en tres anualidades diferentes. Así, neste ano destinarase ás obras unha cantidade inicial de 280.007 euros; haberá un segundo investimento de 2.482.100 euros en 2009; e, finalmente, completarase o orzamento previsto cunha partida de 37.961 euros en 2010.
POLÍTICA TERRITORIAL
Xoves 2 de outubro do 2008
O Consello da Xunta aprobou hoxe -2 de outubro- a declaración de utilidade pública e dispuxo a urxente ocupación dos terreos necesarios para que a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes acometa as obras de construción da autovía Carballo-Berdoias, de 42,4 quilómetros de lonxitude, pertencente á que será a nova infraestrutura viaria de alta capacidade da Costa da Morte. Con este trámite iníciase o proceso de expropiacións dos 1.955 predios afectados pola construción dunha autovía na que a Xunta investirá 249 millóns de euros.