Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Carballo acolle a III Xira Galega de Karting 2009 entre o xoves 11 e o domingo 14 de xuño

CONCELLARÍA DE DEPORTE

Carballo acolle a III Xira Galega de Karting 2009 entre o xoves 11 e o domingo 14 de xuño

Martes 9 de xuño do 2009

O aparcadoiro do Centro Comercial Bergantiños acolle entre o xoves 11 e o domingo 14 de xuño o circuíto da III Xira Galega Karting 2009, un proxecto que pretende achegar o mundo do motor a tódolos públicos. A capital de Bergantiños é a única vila, xunto con outras seis grandes cidades galegas (Santiago, Vilagarcía, Vigo, Ferrol, Ourense e A Coruña), en acoller esta actividade, que lle da a oportunidade a 500 escolares -de xeito gratuíto- e ao público en xeral -con entrada de 10 euros- de poder poñer en práctica os seus coñecementos sobre condución, ademais de aprender educación viaria, nunha comarca que ten unha grande afección polo mundo do motor.

'Xogar na rúa' pecha o Programa de Deporte Escolar, no que este curso teñen participado 2.700 nenos e nenas

25 ANIVERSARIO DO PADROADO DEPORTIVO MUNICIPAL

'Xogar na rúa' pecha o Programa de Deporte Escolar, no que este curso teñen participado 2.700 nenos e nenas

Luns 8 de xuño do 2009

Un total de 2.765 nenos e nenas de Carballo teñen participado este curso no Programa de Deporte Municipal en Idade Escolar, levado a cabo no Concello baixo a organización do Padroado Deportivo Municipal. O sábado 13 de xuño procederase ao peche deste programa coa celebración da XIX edición de 'Xogar na rúa', unha xornada deportiva, incluída dentro do programa de San Xoán 2009, e que serve así mesmo para festexar o 25 aniversario do Padroado Deportivo Municipal, un organismo de ampla traxectoria e de compromiso co deporte en Carballo. Entre as 17.00 e as 19.30 horas do sábado a Praza do Concello encherase de nenos e nenas que estarán supervisados por 6 coordinadores e 45 monitores en 16 zonas,de xogos, con deportes que van dende o balonmán ou o ciclismo ata a escalada, o xadrez ou un búfalo mecánico.

A música, os xogos, o deporte e o teatro centran o programa de actividades do San Xoán 2009

DIOS SALVE A LA REINA, LORI MEYERS OU O ROCKIN: OS CONCERTOS PRINCIPAIS

A música, os xogos, o deporte e o teatro centran o programa de actividades do San Xoán 2009

Sábado 6 de xuño do 2009

O programa das festas de San Xoán de Carballo 2009 chega para "unir tradición e modernidade", en verbas da Concelleira de Cultura, Belén Lendoiro, cun programa variado pero no que "por criterio económico, non se aumentou o presuposto", tendo en conta a situación de crise, como subliña o Alcalde, Evencio Ferrero. Música, xogos, deporte, folclore e teatro centran o núcleo de actividades que se desenvolverán entre o 22 e o 28 de xuño, incluíndo a tradicional Festa do Bosque, como peche. Un programa de San Xoán que segue a estela "da maxia dunha noite mística do ano", segundo Ferrero, na que Carballo honra ao seu patrón e na que a organización invita a participar aos veciños e veciñas para que desfruten. O pistoletazo de saída do programa o marca o pregón o día 22, que, na tendencia de anos anteriores, estará elaborado por un carballés, neste caso o coñecido humorista e guionista Rober Bodegas.

A Rede de Dinamización da Sociedade da Información conta con máis de 600 integrantes no Concello de Carballo

NOVAS TECNOLOXÍAS

A Rede de Dinamización da Sociedade da Información conta con máis de 600 integrantes no Concello de Carballo

Venres 5 de xuño do 2009

A Rede de Dinamización da Sociedade da Información, con sede no Telecentro do Pazo da Cultura de Carballo, conta xa con 625 os usuarios e usuarias que fixeron o carné da RDSI, desde que botara a andar en xaneiro de 2007. Neste tempo téñense levado a cabo 48 obradoiros nos que se formou a 408 participantes. Estes números veñen reforzados pola actividade desenvolvida ao longo do mes de maio, no que se impartiron un total de 5 obradoiros tecnolóxicos, a través dos que se formou a 38 persoas e que se estenderon ao longo de 38 horas. O máis impartido foi o de 'Manexo de rato e teclado (en 2 ocasións). Cabe tamén destacar outros levados a cabo como 'Iniciación ao procesador de textos: Writer', 'Manexo do escáner' ou 'Achegamento ao blog', que poñen de manifesto a grande diversidade formativa que oferta a Rede.

Máis de 150 persoas teñen participado xa nesta nova quenda do programa 'Pasiño a pasiño'

CARBALLO SAUDABLE

Máis de 150 persoas teñen participado xa nesta nova quenda do programa 'Pasiño a pasiño'

Xoves 4 de xuño do 2009

O programa 'Pasiño a pasiño', incluído dentro do programa Carballo Saudable, vén de iniciar unha segunda etapa de rutas de sendeirismo en 2009, na que ata o momento teñen participado 160 veciños e veciñas. O domingo 7 de xuño está programada a terceira actividade desta nova etapa, a única que se transcorrerá por fóra do Concello de Carballo. A saída é ás 9.00 horas da Praza do Concello de Carballo, e o regreso ás 15.00 horas. O percorrido vai desde Camelle ata as inmediacións do Cabo Vilán, preto de Camariñas, cunha distancia aproximada de 15 quilómetros e unha duración en torno ás 4 horas. Pasarase por varios dos lugares máis fermosos e emblemáticos da Costa da Morte, por lugares como a Praia do Trece, o Cemiterio dos Ingleses, a zona de Reira, e visitando recunchos tan fermosos como o pobo de Arou.

O Concello abre aos veciños e veciñas o novo parque infantil do Xardín Municipal

OBRAS E SERVIZOS

O Concello abre aos veciños e veciñas o novo parque infantil do Xardín Municipal

Mércores 3 de xuño do 2009

O goberno local vén de abrir hoxe aos veciños e veciñas o novo parque infantil situado no Xardín Municipal da Praza do Concello. Os rapaces e rapazas da escola obradoiro que está en marcha en Carballo veñen de realizar os labores para mellorar as instalacións, que consistiron na substitución de tódolos xogos e na instalación de dúas novas capas de caucho neste parque "o que ten máis uso de todo o Concello", en verbas do Alcalde, Evencio Ferrero. Entre os xogos hai tobogáns, balancíns e columpios, tanto para nenos e nenas de pouca idade como para máis maiores. O Concello ten previsto afrontar en breve a construción dun novo parque infantil no parque Eduardo Pondal, no entorno do CEIP Bergantiños da capital municipal.

O compromiso coa lingua galega será analizado no curso de verán que terá lugar en xullo en Carballo

SERVIZO DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

O compromiso coa lingua galega será analizado no curso de verán que terá lugar en xullo en Carballo

Martes 2 de xuño do 2009

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, en colaboración co Concello de Carballo e mais coa Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), organizan a quinta edición do curso de verán Traballando en lingua, que terá lugar no Pazo da Cultura de Carballo os días 15, 16 e 17 de xullo e que se centrará na análise e debate do compromiso individual e os argumentos para a defensa e promoción da lingua galega. O curso, no que poden participar un máximo de 60 persoas, está dirixido ás persoas que traballan no ámbito da normalización lingüística, tanto en entidades públicas como no ensino ou en entidades privadas. A preinscrición pode facerse até o día 23 de xuño a través do sitio web do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña <www.udc.es/snl>.

O Concello acondiciona os areais municipais de cara ao comezo da tempada de praias

CONCELLARÍA DE PRAIAS

O Concello acondiciona os areais municipais de cara ao comezo da tempada de praias

Martes 2 de xuño do 2009

O Concello carballés, a través da Concellaría de Praias que dirixe Benedito Viña, informa da realización de labores de limpeza nos areais do municipio para acondicionalos de cara ao inicio da tempada de praias. Un total de dez traballadores de Aspaber están realizando labores de limpeza nas zonas verdes dos areais, especialmente en puntos como Baldaio, ou A Cabreira, pero tamén noutros puntos da banda costeira, onde están recollendo os papeis e os residuos que puidera haber. Estase procedendo, así mesmo, ao vaciado das papeleiras e a unha revisión para comprobar que todo está en orde de cara á época estival.

Máis de 300 persoas participan no peche de curso do Programa de Exercicio Físico para Maiores

CONCELLARÍA DE TERCEIRA IDADE

Máis de 300 persoas participan no peche de curso do Programa de Exercicio Físico para Maiores

Luns 1 de xuño do 2009

Máis de 300 persoas maiores de 60 anos participaron o sábado 30 de maio, no polideportivo Carballo Calero da zona Bergantiños, no peche do Programa de Exercicio Físico para Maiores que organiza o Concello carballés a través das concellarías de Deporte e Terceira Idade. As persoas que teñen participado no curso dende setembro de 2008 e ata xuño de 2009 e que veñen asistindo a dúas ou tres sesións de actividade física semanal protagonizaron unha exhibición de todo o aprendido nos últimos meses, e tamén recibiron como agasallo unha camiseta do programa Carballo Saudable, unha iniciativa destinada a incrementar a calidade de vida da poboación adoptando hábitos saudables e estilos de vida activos, que melloren e protexan a súa saúde ao longo da vida.

Os veciños e veciñas do rural carballés xa poden contratar o servizo de Internet de banda ampla

NOVAS TECNOLOXÍAS

Os veciños e veciñas do rural carballés xa poden contratar o servizo de Internet de banda ampla

Luns 1 de xuño do 2009

Os habitantes do medio rural do Concello de Carballo xa poden contratar o servizo de Internet de banda ampla a través da rede wimax, un sistema que ofrece o acceso a Internet en zonas onde o desenvolvemento do cobre, o cable ou a fibra óptica, debido á baixa densidade de poboación, presenta uns custes por usuario moi elevados, o que fai que a tecnoloxía wimax sexa moi axeitada, especialmente, para as zona rurais. Eurona Telecom é a empresa responsable de estender este sistema polas parroquias carballesas. Esta iniciativa púxose en marcha, promovida polo Concello, trala realización dun estudo que revelou que máis do 35 por cento do rural carecía dun acceso solvente a Internet. Cances foi elixido como punto de partida da conexión, que irá ampliándose por todo o territorio municipal.

María Pilar García Negro gaña o V Premio a Artigos Xornalísticos Normalizadores Concello de Carballo

PROGRAMA DAS LETRAS-IV SEMANA DO LIBRO E A LECTURA

María Pilar García Negro gaña o V Premio a Artigos Xornalísticos Normalizadores Concello de Carballo

Venres 29 de maio do 2009

O xurado do V Premio a Artigos Xornalísticos Normalizadores reuniuse o mércores 27 de maio para decidir o artigo gañador deste certame, ao que se presentaron 45 traballos de todas as partes do país e incluso de fóra, e decidiu concederlle o premio, dotado con 1.200 euros e a publicación do artigo en A Nosa Terra, A Peneira, Diario de Bergantiños, Galicia Hoxe, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, Tempos Novos, Vieiros e Xornal de Galicia, ao artigo titulado 'A nena que berra', de María Pilar García Negro. Segundo o xurado, o recoñecemento deste artigo débese á imaxe moi visual que retracta e describe a situación actual de conflito lingüístico entre galego e castelán; á introdución de conceptos interesantese moi valiosos para a descrición sociolingüística; á súa calidade e ligazóns lingüística e argumentativa; e por considerar moi valiosos e útiles os argumentos defendidos.

O Concello colabora no desenvolvemento da XVI Escola de Verán de Balonmán da Asociación Deportiva Xiria

CONCELLARÍA DE DEPORTE

O Concello colabora no desenvolvemento da XVI Escola de Verán de Balonmán da Asociación Deportiva Xiria

Venres 29 de maio do 2009

O Concello de Carballo colabora coa Asociación Deportiva Xiria na posta en marcha da XVI Escola de Verán de Balonmán, así como na V Escola de Xogo e Iniciación Deportiva para Peques. Estas citas están dirixidas para nenos e nenas de entre 3 e 12 anos e inclúen actividades deportivas, lúdicas e culturais que se desenvolven tanto no Pavillón Vila de Noia como no CEIP Fogar entre o 6 de xullo e o 4 de setembro. Dentro do programa destaca o desenvolvemento de xogos, informática, manualidades, inglés, expresión oral, ademais de múltiples actividades deportivas e excursións a praia ou ao monte.

Compartir: