Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Adxudicación definitiva do contrato para a 'Transformación da rede unitaria do polígono de Bértoa en separativa de fecais e pluviais'

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

Adxudicación definitiva do contrato para a 'Transformación da rede unitaria do polígono de Bértoa en separativa de fecais e pluviais'

Martes 29 de setembro do 2009

A Xunta de Goberno Local, reunida o luns 28 de setembro, acordou a adxudicación definitiva do contrato de obra para a 'Transformación da rede unitaria do polígono de Bértoa en separativa de fecais e pluviais', un paso máis nos traballos de urbanización do parque empresarial (na imaxe) que se están desenvolvendo nestes momentos e que transformarán o polígono nunha área industrial de preto de dous millóns de metros cadrados. A empresa encargada de desenvolver a actuación será Excavaciones y Obras Públicas Galicia SL, por un orzamento de 178.950 euros. O prazo de execución é de 60 días a contar dende o día seguinte á sinatura da acta de replantexamento.

O FIOT persegue a súa faciana máis internacional con espectáculos chegados de Portugal, Arxentina e Chile

O 1 DE OUTUBRO É A PRESENTACIÓN OFICIAL DO FESTIVAL

O FIOT persegue a súa faciana máis internacional con espectáculos chegados de Portugal, Arxentina e Chile

Luns 28 de setembro do 2009

A XVIII edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT '09) será presentada o xoves 1 de outubro ás 20.00 horas no salón de actos do segundo andar do Pazo da Cultura. Nesta cita expoñerase o programa completo de actividades que integran o festival, no que a presenza internacional cobra especial relevancia, xa que poderemos desfrutar de propostas teatrais arriscadas e interesantes tanto pola temática utilizada como polas montaxes. Serán un total de dez representacións de sala a cargo de compañías de Galicia, Madrid, Castilla-León, Portugal, Arxentina e Chile.

Carballo desenvolve un programa de actividades de educación e formación para un medioambiente sostible

ENTRE O 1 DE OUTUBRO E O 11 DE NOVEMBRO

Carballo desenvolve un programa de actividades de educación e formación para un medioambiente sostible

Luns 28 de setembro do 2009

O Concello de Carballo, a través dunha subvención da Consellería de Medio Ambiente, desenvolve un ano máis un programa de actividades destinadas a formar e informar á cidadanía en educación e participación para un medio ambiente sostible. Está prevista a celebración de obradoiros de sensibilización, accións formativas, circuítos científicos de actividades experimentais e foros de participación. Trátase de actividades dirixidas especialmente a técnicos do Concello, ao tecido asociativo de carácter económico e profesional e ao tecido asociativo cidadán, facendo especial fincapé no urbanismo sustentable e no transporte e a mobilidade. Desenvolveranse no Pazo da Cultura entre o 1 de outubro e o 11 de novembro. Hai que subliñar, así mesmo, que o Concello de Carballo recibiu a puntuación máis alta de toda Galicia na convocatoria da subvención.

Carballo participa na II Limpeza simultánea de ríos que organiza a asociación Adega

PROXECTO RÍOS: DOMINGO 27 DE SETEMBRO

Carballo participa na II Limpeza simultánea de ríos que organiza a asociación Adega

Venres 25 de setembro do 2009

A asociación ecoloxista Adega, despois do éxito da primeira xornada de limpeza simultánea en ríos desenvolvida o ano pasado, repite a experiencia o domingo 27 de setembro coa participación dun total de 22 municipios. Entre eles, atópase o Concello de Carballo, que colabora cedendo o material necesario para eliminar e tratar os residuos que se atopen na ribeira do río Anllóns, onde se desenvolverá a actividade. A limpeza comeza sobre as 11.00 horas e realizarase no treito que transcorre entre a estación de autobuses e o Muíño do Quinto. Os interesados e interesadas en participar nesta cita poden poñerse en contacto co responsable de Adega en Carballo, Xosé Dubra, no número de teléfono 679 16 76 63.

O pleno aborda a aprobación do proxecto de urbanización para a primeira fase da travesía de Sísamo

MÁIS DE 90 NOVAS PRAZAS DE ZONA AZUL PARA O CASCO URBANO

O pleno aborda a aprobación do proxecto de urbanización para a primeira fase da travesía de Sísamo

Venres 25 de setembro do 2009

A corporación carballesa celebra unha sesión plenaria ordinaria o luns 28 de setembro na que un dos principais asuntos da orde do día é a aprobación do proxecto de 'Urbanización da DP-1901 Carballo-Sísamo (Fase I)'. Este treito abrangue dende o punto quilométrico 0,000, situado no cruce coa avenida de Malpica, até o 0,730. A Deputación provincial, titular desta estrada, asume de xeito íntegro o importe dos traballos, que contan cun orzamento previsto de 597.398,55 euros. O Concello cede os terreos necesarios para realizar as obras, mentres que o organismo provincial asume a execución da actuación. A aprobación do proxecto no pleno é o primeiro paso para iniciar o proceso de contratación.

As infraccións penais baixan en 2009 un 17,6 por cento respecto ao mesmo período do ano anterior

COMISIÓN ESPECIAL DE SEGURIDADE DE CARBALLO

As infraccións penais baixan en 2009 un 17,6 por cento respecto ao mesmo período do ano anterior

Xoves 24 de setembro do 2009

A Comisión Especial de Seguridade do Concello de Carballo, que preside o Alcalde, Evencio Ferrero, vén de concluír nunha xuntanza celebrada o 23 de setembro que as infraccións penais teñen baixado notablemente entre xaneiro e setembro de 2009. En concreto, un 17,69 por cento respecto do mesmo período do ano anterior. O Concelleiro de Seguridade, Benedito Viña, subliña que se trata dunha "evolución positiva", xa que os datos "manteñen unha liña descendente nos últimos anos". Poren, asegura que "esto non significa que haxa que estar completamente satisfeito" coas estatísticas e chama á Garda Civil e á Policía Local a que sigan coordinando os seus esforzos.

Un total de 32 pilotos están inscritos na cuarta proba do Campionato Galego de Quadcross que se celebra no circuíto de Bértoa

DOMINGO 27 DE SETEMBRO

Un total de 32 pilotos están inscritos na cuarta proba do Campionato Galego de Quadcross que se celebra no circuíto de Bértoa

Mércores 23 de setembro do 2009

O circuíto de motor de Bértoa acolle o domingo 27 de setembro a disputa da cuarta proba do Campionato Galego de Quadcross, no que xa están inscritos un total de 32 pilotos. Trátase da primeira proba deste tipo que se celebra no circuíto carballés, e a terceira deste 2009 o que, segundo o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, "ninguén esperaba hai un ano". O aproveitamento do circuíto de Bértoa, en verbas do Alcalde, Evencio Ferrero, está "cumprindo con creces as expectativas" que había cando se apostou por recuperalo para o uso dos veciños e veciñas.

Portos de Galicia adxudica de xeito provisional os departamentos para usuarios do peirao de Razo

O IMPORTE SUPERA OS 370.000 EUROS

Portos de Galicia adxudica de xeito provisional os departamentos para usuarios do peirao de Razo

Mércores 23 de setembro do 2009

O organismo Portos de Galicia, dependente da Consellería do Mar, vén de adxudicar de xeito provisional os traballos para a creación dos departamentos para usuarios do peirao de Razo. A actuación recae sobre unha Unión Temporal de Empresas (UTE) formada por AIN Empresa de Servicios e Atlántica de Construcción y Medioambiente. O orzamento base de licitación era dun total de 425.307,58 euros, poren, a UTE ten feito unha oferta económica de 371.336,21 euros. Por outra banda, o prazo de execución previsto para o desenvolvemento das melloras é de nove meses.

Entregado o proxecto para emprender o proxecto de remodelación do mercado de abastos carballés

O PRAZO DE EXECUCIÓN É DE 16 MESES

Entregado o proxecto para emprender o proxecto de remodelación do mercado de abastos carballés

Martes 22 de setembro do 2009

A empresa Abadeus Arquitectura SLP vén de entregar o luns 21 de setembro no Concello de Carballo o proxecto para emprender a remodelación do mercado de abastos da capital municipal. Trátase dunha actuación que conta cun orzamento previsto de 2,4 millóns de euros e grande parte deste financiamento será aportado polo Ministerio de Vivienda, que achegará 1,8 millóns do importe total. Precisamente hoxe a primeira hora ten sido remitida a documentación necesaria ao Ministerio, para axilizar os trámites e emprender o proceso de contratación o antes posible, coa arela de que os traballos poidan comezar antes de final de ano.

Principian os traballos para a mellora e acondicionamento da avenida de Bergantiños da capital municipal

OBRAS E SERVIZOS

Principian os traballos para a mellora e acondicionamento da avenida de Bergantiños da capital municipal

Martes 22 de setembro do 2009

Os operarios veñen de principiar o luns 21 de setembro os traballos para realizar a mellora da avenida de Bergantiños da capital municipal carballesa, que comunica a zona do Chorís coa avenida de Bértoa. A empresa adxudicataria é Construcciones Vázquez y Reino, que comezou coas actuacións na zona próxima ao Ferradal, no tramo final da vía, efectuando o movemento de terras. Trátase dun proxecto que conta cun orzamento de 126.440 euros con cargo aos fondos municipais e que ten un prazo de execución previsto de dous meses.

A XVIII edición do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) contará coa presenza da coñecida actriz Lola Herrera

A PROGRAMACIÓN CENTRARASE EN FORMATOS MÁIS CLASICOS

A XVIII edición do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) contará coa presenza da coñecida actriz Lola Herrera

Luns 21 de setembro do 2009

A organización do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) está a ultimar os últimos detalles da XVIII edición desta cita que este ano terá lugar entre o 10 de outubro e o 1 de novembro. Nesta ocasión o festival contará coa presenza da recoñecida actriz de televisión e teatro Lola Herrera, que representará o 1 de novembro a obra 'Seis clases de baile en seis semanas', baixo a dirección de Tasmin Townsend e acompañada nas táboas por Juanjo Artero. Así mesmo, a organización tamén desvela que nesta edición valorouse contratar producións de formatos máis clásicos, para dar cabida ás preferencias teatrais de espectadores con gustos menos contemporáneos.

Arrinca a XII edición do Xiria Pop na que oito grupos encherán de sons a Sala Dublín carballesa

18 E 19 DE SETEMBRO A PARTIRES DAS 22.00 HORAS

Arrinca a XII edición do Xiria Pop na que oito grupos encherán de sons a Sala Dublín carballesa

Venres 18 de setembro do 2009

O Xiria Pop chega á súa edición número doce despois de ter acadado a maioría de idade musical e de contar cun público fiel que cada ano se achega a Carballo buscando unha boa selección de grupos e un son característico que xa é un sinal de identidade desta cita. Nesta ocasión, oito bandas e artistas conforman un cartel no que o venres 18 están os leoneses 'Cooper', os barceloneses 'Stay', os ourensáns 'Cosecha Roja' ou o australiano Bryan Estepa. O sábado 19 é a quenda de 'Los Negativos' -na imaxe a carátula do seu último disco- chegados dende Barcelona; 'Johnny Casino & The Secrets', dende Sydney, 'Biscuit', tamén dende Barcelona, e os composteláns 'Hyde Casino'.

Compartir: