Inicio Carballo ao día Novas O Concello de Carballo investiu o ano pasado 10...

O Concello de Carballo investiu o ano pasado 10 millóns máis do previsto grazas á incorporación de remanente

O goberno municipal dará conta no pleno do luns da liquidación do orzamento do 2024, a primeira desde o restablecemento das regras fiscais

Venres 28 de marzo do 2025

Belén Lendoiro e Evencio Ferrero presentaron os asuntos do pleno

Belén Lendoiro e Evencio Ferrero presentaron os asuntos do pleno

O goberno municipal dará conta no pleno ordinario do 31 de marzo da liquidación do orzamento do 2024, que hoxe presentaron o alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Facenda, Belén Lendoiro.

“No ano 2020 suspendéronse as regras fiscais pola crise da COVID19 e no 2022 seguían suspendidas pola guerra de Ucraína. Non se recuperaron ata o 2024, polo que esta liquidación é a primeira desde o restablecemento das regras fiscais definidas na Lei Orgánica 2/2012, de Estabilidade Orzamentaria e Sustentabilidade Financeira”, explicou Belén Lendoiro.

As administracións públicas están suxeitas de novo, polo tanto, a tres normas: estabilidade orzamentaria, regra de gasto e débeda pública. En Carballo cúmprese a terceira, dado que non hai endebedamento, pero non as dúas primeiras, xa que hai unha diferenza de 1,3 millóns de euros entre ingresos e gastos. Este desfase débese á incorporación de máis de 10 millóns de euros procedentes do remanente de tesourería que permitiron realizar novos investimentos. “Esa cantidade computa como gasto, pero non coma ingreso, e de aí o desfase”, explicou a concelleira de Facenda.

Na práctica, esta situación non ten máis repercusión que a necesidade de presentar no pleno un plan económico financeiro coas medidas que se adoptarán para o cumprimento das regras fiscais nos anos 2025 e 2026. “Sempre que se incorporen remanentes vaise producir un desequilibrio, e, consecuentemente, o incumprimento da regra de gasto”, engadiu Belén Lendoiro. Pero tamén hai unha parte positiva, xa que o incremento do gasto supón que aumente tamén o límite para este ano: en concreto, 28.938.000 euros fronte aos 25.000.000 do 2024.

Malia as incorporacións realizadas, o Concello de Carballo pechou o exercicio 2024 cun remanente de case dez millóns de euros, reflexo da boa saúde económica das arcas públicas. Esa boa saúde permitiu pechar o capítulo 6, no que se recollen os investimentos, cun total de 8.248.824 euros. A previsión para este ano é aínda maior, xa que entre os créditos iniciais a incorporación de remanentes acadará os 11.759.630 euros. Pero non só os gastos foron superiores aos establecidos no orzamento do 2024 senón tamén os ingresos, que acadaron os 34,7 millóns fronte aos 31,5 previstos.

As cuestións económicas van centrar o pleno do luns, no que tamén se aprobarán facturas pendentes por importe de 80.193,88 euros e o prezo do contrato do lixo para este ano, que acada os 904.137,12 euros, un pouco menos que no 2024. A corporación municipal tamén se posicionará sobre a concesión de bonificacións do 95% no ICIO, o IAE e o IBI a tres empresas de nova implantación: Pulidos Galicia, Jumeba Maquinaria SL e Tubanor Instalacións SL, xa que as tres cumpren os requisitos de investimento (máis de 250.000 euros) e de creación de emprego.

Ligazóns

Descargas

Compartir: