XUNTA DE GOBERNO LOCAL
Aprobado o convenio relativo ao centro de transformación de enerxía eléctrica da parcela do futuro edificio social
Luns 24 de marzo do 2025

A Xunta de Goberno Local aprobou na sesión deste luns o convenio entre o Concello de Carballo e UFD Distribución Electricidad, S.A. para resolver o emprazamento do centro de transformación da parcela que albergará o edificio de entidades sociais.
A empresa posúe nese ámbito unha superficie de 18 metros cadrados na que está situado o actual centro de transformación de enerxía eléctrica, que está chegando ao fin da súa vida útil. No proxecto de desenvolvemento urbanístico PERI-2 “Casas dos mestres” está previsto ocupar esa parcela co novo edificio social e situar noutro punto o centro de transformación, que irá soterrado. Esta nova situación conta xa con todas as autorizacións preceptivas.
Co convenio aprobado hoxe, UFD Distribución Electricidad cederá ao Concello de Carballo a parcela ocupada polo actual centro de transformación, encargarase da súa demolición e asumirá a instalación do novo. O Concello, pola súa banda, cederá á empresa unha porción de terreo de 16 metros cadrados para o novo centro de transformación.
O acordo inclúe ademais a cesión doutra parcela das mesmas dimensións no espazo público situado na confluencia da rúa Vila de Corcubión coa avenida e Bergantiños para a instalación doutro centro de transformación soterrado que permitirá mellorar o servizo nesa zona.