8 E 9 DE FEBREIRO
Volve a Feira do Día da Muller e a Nena na Ciencia co obxectivo de xerar vocacións científicas e referentes femininos
Currunchos científicos, experimentos, xogos, teatro, robótica, exposicións e moito máis nunha fin de semana para toda a familia
Venres 31 de xaneiro do 2025
Maica Ures, Evencio Ferrero, Verónica Bolón, Isabel Regueiro e Iván Andrade
Este ano anticipamos a celebración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia para facelo coincidir coa feira e poder repetir o formato que tan boa acollida tivo o ano pasado. Os días 8 e 9 de febreiro celebraremos a II Feira do Día da Muller e a Nena na Ciencia, unha iniciativa das concellarías de Innovación e Igualdade na que queremos visibilizar o traballo das investigadoras locais e da contorna para crear referentes femininos próximos para a infancia e, nomeadamente, para as nenas.
Como establece a resolución aprobada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas o 22 de decembro de 2015, arredor do 11F celebraremos actividades para recoñecer os logros das mulleres na ciencia, promover as perspectivas de carreira das mulleres na ciencia e alentar unha maior participación das mulleres e das nenas. E para iso contaremos coa colaboración do IES Alfredo Brañas, a Universidade da Coruña (UDC), a Universidade de Vigo (Uvigo) e o Instituto de Investigación Sanitaria (IDIS) de Santiago de Compostela.
O concelleiro de Innovación, Iván Andrade, e a concelleira de Igualdade, Maica Ures, presentaron o programa acompañados polo alcalde, Evencio Ferrero, e por dúas das investigadoras que participarán na iniciativa: Verónica Bolón, enxeñeira informática experta en intelixencia artificial, e Isabel Regueiro, profesora de física e química no IES Alfredo Brañas, onde se celebra cada ano a Feira das Ciencias (nesta ocasión será os días 25 e 26 de febreiro).
Ademais de volvernos sumar á Iniciativa 11F, un movemento cidadán de ámbito estatal, Iván Andrade destacou que este ano seguimos apostando pola divulgación científica a través de actividades como esta II Feira do Día da Muller e a Nena na Ciencia ou o festival de ciencia nos bares Pint of Science, pero tamén de novas propostas como o convenio que vimos de asinar co Grupo de Investigación en Cambio Ambiental (GRICA) da Universidade da Coruña, que ofrecerá sete actividades ao longo do curso. Tres delas xa teñen datas: Que contan os fósiles? e A nosa lúa, os días 5 e 19 de febreiro, no marco do programa Apego, e O tempo xeolóxico, o 9 de febreiro na feira.
O obxectivo, como indicaron tanto Iván Andrade coma Maica Ures, é visibilizar o traballo das mulleres que se dedican ás áreas STEM e coñecer os factores que afectan á situación da muller nesas áreas e fomentar prácticas que conduzan á súa eliminación para acadar a igualdade de xénero no ámbito científico. Nese sentido, Maica Ures ofreceu algunhas cifras que poñen de manifesto a necesidade de “crear referentes para as nenas carballesas”
A II Feira do Día da Muller e a Nena na Ciencia reunirá na planta alta do mercado municipal a Isabel Regueiro e as súas alumnas Aroa Sequeiro Arnal, Arancha Lorenzo Rodo, Blanca Lamas González, Clara Graña Pérez, Andrea Cancela Villar, Sofía Prieto Villar, Claudia Trigo Suárez, Lara Tato Rodríguez, Noa Calvo Rojo, Noa Mourón Parga, Lucía Suárez Insua, Noa Suárez García, Alejandra Rodríguez Villar e Marta Cernadas Pena; ás investigadoras carballesas María Gómez e María Fernández (bioloxía), Xanel Vecino (enxeñería química) e Verónica Bolón (enxeñería informática), e ás convidadas Rosa Devesa Rey, enxeñeira química da UVigo, e Laura Muinelo Romay, directora da unidade de biopsia líquida do IDIS.
Tanto Verónica Bolón coma Isabel Regueiro amosaron a súa satisfacción por repetir a experiencia e destacaron a importancia de celebrar este tipo de eventos, que fan posible “que a ciencia non quede nos laboratorios, senón que saia ás rúas, que as nenas o vexan como algo normal e que atopen referentes femininos”, resumiu a enxeñeira informática.
O alcalde destacou a boa acollida que están a ter as iniciativas relacionadas co ámbito científico por parte da sociedade carballesa, pero sobre todo considera importante poñer en valor “o gran potencial que temos, e a tantas mulleres que están facendo investigación ao máis alto nivel”. Precisamente 21 desas mulleres van protagonizar unha exposición que inauguraremos o sábado 8, ás 12.00 horas, na rúa Coruña, onde poderá verse durante un mes, unindo o Día da Muller e a Nena na Ciencia co Día da Muller. E o mesmo sábado 8 tamén se realizarán dous talleres de construción e condución de vehículos Infento impartidos por Caracole.
O programa ao detalle, no folleto anexo.