Inicio Carballo ao día Novas Adxudicado por 430.000 euros ao ano o servizo de...

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

Adxudicado por 430.000 euros ao ano o servizo de mantemento dos espazos verdes e do arborado municipais

É un dos contratos reservados a centros especiais de emprego, nos que o Concello de Carballo foi pioneiro

Martes 28 de xaneiro do 2025

A Xunta de Goberno Local aprobou na sesión ordinaria deste luns a adxudicación do servizo de mantemento, conservación e mellora dos espazos verdes e do arborado do concello para os vindeiros catro anos. O contrato, reservado a centros especiais de emprego de iniciativa social cun 70% de traballadores/as con discapacidade, como mínimo, recaeu en Coregal Parques e Xardíns, por un importe anual de 433.964,30 euros.

A adxudicataria asumirá os labores de conservación e mantemento de parques urbanos, zonas axardinadas, arborado viario, xardineiras, estruturas florais, zonas verdes dos colexios públicos, edificios municipais, espazos verdes viarios, parques forestais e periurbanos e demais zonas municipais dotadas e habilitadas como espazos verdes, así coma os axardinamentos. En total, o contrato afecta a 186.495 metros cadrados de xardíns repartidos en 137 espazos das 18 parroquias.

Outros acordos

Na sesión ordinaria deste luns tamén foi adxudicado a Segursystem Europa SL, por 86.955,68 euros, o servizo de vixilancia e seguridade na Unidade de Condutas Adictivas (CA).

A Xunta de Goberno Local acordou, así mesmo, iniciar o procedemento de incoación de penalidades á empresa adxudicataria dos servizos de conservación, mantemento, reposición e sinalización horizontal e vertical na rede viaria, Señalizaciones Norte SL, por deficiencias na execución do contrato, tanto por falta de persoal como pola demora excesiva en responder as urxencias e na reposición de materiais.

Tamén se suspende temporalmente, por mor do mal tempo, o prazo de execución das obras de aglomerado da vía O Moucho-A Piña, que deberán retomarse, como moi tarde, o 17 de abril.

Compartir: