Inicio Carballo ao día Novas A corporación municipal aprobará no...

LUNS 27 DE XANEIRO

A corporación municipal aprobará no primeiro pleno do ano os investimentos que se acometerán con cargo ao POS+2025

Evencio Ferrero e Miguel Vales explicaron o contido das propostas que se presentarán na sesión ordinaria

Venres 24 de xaneiro do 2025

A corporación municipal aprobará no primeiro pleno do ano o POS+2025, o plan de investimentos da Deputación da Coruña que achega fondos a cada concello da provincia en función do seu esforzo fiscal, a poboación, o número de parroquias ou a superficie. Con estes criterios obxectivos, Carballo xestionará inicialmente 1.870.385,07 euros.

Esta cantidade permitirá seguir mellorando os servizos na zona rural. O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Servizos e Medio Ambiente, Miguel Vales, presentaron hoxe eses investimentos, que se concentran en tres proxectos: mellora da accesibilidade na AC-414 ao seu paso por Xoane, cun orzamento de 146.087,85 euros, cumprindo deste xeito o compromiso acadado coa Xunta de Galicia a raíz da obra de mellora da estrada; saneamento na vía da Feira de Verdillo á Brea, por 120.496,60 euros, e, dentro do plan complementario, a mellora da pavimentación en Aldemunde, por 237.287,66 euros.

O POS+ tamén permite destinar unha porcentaxe a gasto corrente, que no noso concello será de 1,3 millóns de euros, o que permitirá liberar eses fondos dos orzamentos municipais para cometer outras infraestruturas e deste xeito axilizar a tramitación dos investimentos.

Ademais do plan provincial, na sesión do luns tamén se debaterá sobre outro tipo de investimentos. Por unha banda, a participación na convocatoria que vén de publicar a Secretaría de Estado de Medio Ambiente para proxectos de mellora da eficiencia do ciclo urbano da auga. Nesta ocasión, a empresa concesionaria do servizo, Gestagua, presentará unha proposta valorada en 1.177.618,66 euros para mellorar a eficiencia enerxética, reducir posibles perdas, mellorar a xestión da calidade da auga e poder informar en tempo real á cidadanía en calquera incidencia.

Por outra banda, a corporación aprobará a proposta da Dirección General de Costas para a execución dunha serie de actuacións de loita contra a erosión na costa para fortalecer o litoral fronte aos efectos do cambio climático. En concreto, a Administración estatal ten previsto actuar tanto en Razo coma en Baldaio para delimitar os espazos de tránsito peonil e favorecer a retención de area nas dunas. En Razo tamén se van retirar a pista multideporte e o peche do campo de fútbol.

Compartir: