O Concello de Carballo duplica o número de minipuntos limpos de proximidade para facilitar a reciclaxe
Os novos colectores, situados nos barrios da Milagrosa, O Chorís e O Hospital-San Cristovo, inclúen por primeira vez un depósito específico para material escolar
Xoves 19 de decembro do 2024
O Concello de Carballo trata de facilitar á cidadanía a xestión de todos os materiais que, polas súas características, non poden depositarse nos colectores que hai nas rúas. Por iso, ademais do punto limpo, situado no polígono industrial de Bértoa, que abre os xoves e sábados en horario de mañá e tarde, e do punto limpo móbil, que funciona con cita previa, vimos de duplicar o número de minipuntos limpos, cos que intentamos facilitar o acceso da veciñanza a contedores para residuos específicos, en xeral contaminantes, de pequeno tamaño.
Aos tres minipuntos limpos situados nas rúas Perú, Fomento e Vázquez de Parga veñen de sumarse outros tres noutros tantos barrios urbanos: un no Chorís, xunto ao colexio Fogar; outro na Milagrosa, preto da capela, e o terceiro entre O Hospital e o Barrio das Flores ou San Cristovo, no cruce da rúa Fábrica e a avenida das Flores. A instalación levouse a cabo con cargo ás Subvencións a entidades locais galegas para o financiamento de mellora de puntos limpos existentes, instalación de puntos limpos de proximidade, puntos limpos móbiles PXR e autorreparación e implementación de melloras nas instalacións de tratamento existentes en materia de residuos de competencia municipal. Fondos de recuperación e resiliencia.
Os minipuntos limpos permiten a recollida selectiva de sete residuos diferentes. No caso de Carballo son os seguintes: cápsulas de café, luminarias de baixo consumo, pilas e baterías, residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE) de pequeno formato, teléfonos móbiles, cartuchos de impresora e toners e material escolar, que se introduce por primeira vez en substitución dos CD e DVD, xa en desuso.
No que vai de ano depositáronse nos tres minipuntos limpos existentes ata agora un total de 2.590 quilos de residuos, 725 máis que no 2023, o que supón un incremento de case o 39%. Por unidades, as cantidades recollidas corresponderían a 1.800 teléfonos móbiles, 2.775 luminarias, 3.000 cartuchos de tinta, 18.125 pequenos electrodomésticos, 55.000 pilas e/ou baterías e 6.500 cápsulas de café. Mentres nos tres primeiros tipos se rexistrou un descenso con respecto ao ano 2023, tanto as pilas coma os pequenos electrodomésticos e as cápsulas van en aumento.
E un dato máis para animarnos a utilizar os minipuntos limpos: a xestión axeitada de todos os residuos recollidos ao longo do ano 2024 equivale á plantación de 202.244 árbores.