A Concellaría de Promoción Económica pon en marcha unha nova campaña de dinamización do comercio local
Desde hoxe ata o 5 de xaneiro, todas as compras superiores a 25 euros nos establecementos adheridos terá premio!
Venres 13 de decembro do 2024 Promoción Económica
A Concellaría de Promoción Económica contribúe un ano máis á dinamización do comercio local cunha campaña que arrinca este venres 13 de decembro e que se estenderá ata Reis co obxectivo de poñer en valor o noso comercio tradicional e incentivar as compras de Nadal en Carballo.
A partir de hoxe, todas as compras superiores a 25 euros que realices nos establecementos adheridos, que son un total de 77, terán premio! Por cada compra por ese importe mínimo entregaranche un vale que poderás trocar na caseta de Nadal por un agasallo. Hainos moi variados e moi doces: garrapiñadas, piruletas, cadernos, pasaois... Achégate á caseta instalada na rúa Coruña os días 13, 14, 15, 20, 21, 22, 24, 27, 28, 29 e 31 de decembro e 3, 4 e 5 de xaneiro. Poderás consultar os horarios na propia caseta.
Dentro das accións do Nadal en Carballo impulsadas desde a Concellaría de Promoción Económica, que xa comezaron co Mercado da Ilusión, tamén figura, en colaboración co CCA, a visita de Papá Noel, que, acompañado polos seus elfos, recibirá a todos os nenos e nenas desde o 20 ata o 24 de decembro na caseta que estará situada xunto á carpa da Praza do Concello.