Inicio Carballo ao día Novas O Nadal Rebuldeiro trae por primeira vez un...

DO 14 AO 21 DE DECEMBRO NA CARPA DA PRAZA DO CONCELLO

O Nadal Rebuldeiro trae por primeira vez un parque de xogos con Playmobil, Superthings, Rolly Toys, radio control e realidade virtual

Entre as novidades deste ano figura tamén o Nadal sobre rodas, con obradoiros de construción de vehículos eléctricos e un circuíto. Abertas as inscricións!

Venres 13 de decembro do 2024

O Nadal Rebuldeiro chega a Carballo para que os nenos e nenas non teñan un minuto de descanso durante o mes de Nadal. A primeira proposta deste programa é un parque de xogos no que a rapazada de todas as idades ten á súa disposición xogos únicos. Esta é a proposta da Concellaría de Servizos Sociais e Igualdade:

  • Playmobil medieval (a partir de 4 anos). Un espazo de xogo no que os nenos e nenas gozarán dun universo de aventuras cos xogos de Playmobil de temática medievas, con 8 mesas tematizadas, xoguetes das series City, Dino Rise, Regreso ao futuro, Novelmore... e moitos complementos.
  • Playmobil Júnior (menores de 4 anos). Un espazo de xogo con 4 mesas oficiais tematizadas.
  • Rolly Toys. Un universo de construción cheo de materiais de “obra” e vehículos: bloques xigantes, camións de bombeiros, tractores, palas, cascos, carretas, remolques....
  • Superthings. Con 6 mesas oficiais tematizadas e dous contedores con Superthings das últimas coleccións.
  • Superthings Olympic. Con 3 campos de golf infantil e dous cornhole, un xogo moi divertido.
  • Carrera Radio Control (a partir de 4 anos). Circuíto con 8 vehículos de radiocontrol.
  • Starup Realidade Virtual (a partir de 8 anos). Con dous espazos de xogo con gafas de realidade virtual.

O acceso ao espazo de xogos, situado na carpa da Praza do Concello, será de balde. Toma nota dos horarios: días 14, 15 e 21, de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas, e de do 16 ao 20, de 16.00 a 20.00 horas. O tempo de estancia na carpa poderá limitarse en función da demanda.

Xincana de elfos

Outra das novidades deste ano é a Xincana de elfos que celebraremos o luns 23 de decembro, a partir das 18.00 horas, na carpa da Praza do Concello. A Concellaría de Mobilidade convida a todos os nenos e nenas, e tamén á mocidade, a participar nunha proba de obstáculos moi divertida na que haberá agasallos para todos os participantes. Disfrázate de elfo e axuda a Papá Noel a preparar os agasallos.

Nadal sobre rodas

Este Nadal ponte ao volante dun vehículo Infento! Constrúe o teu propio vehículo eléctrico dun xeito sinxelo e cooperativo e goza do pracer de conducilo nun circuíto coma un piloto de verdade.

Inscríbete aquí para os talleres que celebraremos os días 30 de decembro e 2 e 3 de xaneiro na carpa da Praza do Concello, organizados pola Concellaría de Innovación e dirixidos por Caracole. De 16.00 a 20.00 horas, os/as participantes montarán un vehículo de xeito cooperativo e ao remate da actividade poderán conducilo. Non hai límite de idade, pero si de prazas.

Infento é unha innovadora empresa que se especializa na creación de kits de construción de vehículos a tamaño natural. O seu enfoque único permite aos nenos e nenas deseñar e montar os seus propios vehículos, fomentando a creatividade, a resolución de problemas e a aprendizaxe práctica. Cunha variedade de modelos e niveis de dificultade, Infento non só ofrece diversión, senón que tamén promove habilidades STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas) dunha maneira entretida e accesible. É unha experiencia que combina xogo e educación.

Compartir: