Inicio Carballo ao día Novas Así de espectacular será o Nadal en...

Así de espectacular será o Nadal en Carballo!

A carpa da Praza do Concello será “o centro neurálxico” do programa, que tamén encherá de actividade o Pazo da Cultura, o Fórum, as Escolas do Xardín e o mercado municipal

Martes 3 de decembro do 2024

Para os estudantes que estarán de vacacións, para que as familias poidan conciliar, para quen queira sorprender aos seus convidados cunha cea especial, para os que necesitan acción, para os que desfrutan dun bo espectáculo cultural, para os larpeiros, para os amantes da arte e da artesanía, para os manitas, para os bailadores e as bailadoras... Como naquel famoso anuncio dos primeiros anos 2000, este ano o Nadal en Carballo será para todos e para todas.

Hoxe presentamos o Nadal en Carballo nun acto no que participaron o alcalde, Evencio Ferrero, e unha ampla representación do goberno municipal, porque, como apuntou o concelleiro Ramón Varela, “é unha proposta conxunta de todas as áreas do goberno”, e froito das achegas de todas e cada unha delas foi posible elaborar un programa para todos os públicos, para todas as idades e para todos os gustos, “seguindo a máxima deste goberno de facer de Carballo un bo lugar para vivir e, neste caso, tamén un bo lugar para gozar das festas de Nadal”.

Do 5 de decembro ao 5 de xaneiro

O programa pode descargarse ao final desta nova e a partir do xoves tamén poderá recollerse impreso no Mercado da Ilusión e nos edificios municipais. Está estruturado en diferentes apartados, desde a “inauguración oficial” do Nadal este xoves 5 co acendido da iluminación ata a imprescindible cabalgata de Reis do 5 de xaneiro. Será, polo tanto, un mes completo de actividades, como reflicte o calendario que ocupa as páxinas centrais do folleto.

Pensando na dinamización do comercio teremos propostas como o Mercado da Ilusión, do 5 ao 8 de decembro (formularios de inscrición para as actividades, máis abaixo); a Feira Doce, que se celebrará na fin de semana do 28 e 29, coincidindo co feirón; os petiscos de Nadal que se servirán o 22 no mercado municipal ou os Cantos de Nadal que animarán as rúas comerciais os días 22 e 29. Un ano máis premiaremos as compras no comercio local con diferentes agasallos, e, en colaboración co Centro Comercial Aberto (CCA), cuxas propostas están incluídas tamén no programa, contaremos cunha caseta chegada directamente de Laponia para que Papá Noel se sinta coma na casa na estancia que realizará do 20 ao 24 de decembro. Antes, este sábado 7, fará unha visita fugaz ao Mercado da Ilusión para recoller as cartas dos nenos e nenas.

Xunto ao imprescindible Nadal Pequespectacular, que, coma sempre, ofrecerá tres espectáculos de circo, teatro e maxia primeirísimo nivel, este ano chega o Nadal Rebuldeiro, pensado para facer moverse á rapazada. A peza central será Mundo Xogo, un parque de atraccións que inclúe espazos de Superthings, Playmobil, Rolly Toys, realidade virtual e radio control, e que ocupará a carpa da Praza do Concello do 14 ao 21 de decembro. Pero, ademais, os días 30 de decembro e 2 e 3 de xaneiro descubriremos a futuros emprendedores e emprendedoras da robótica, a mecánica e a enxeñería cos talleres de construción de vehículos eléctricos Infento. E xunto a todo iso, o 23 de decembro poderán sacar as bicis para participar nunha divertida xincana de elfos. As actividades do programa Apego, como a foliada do día 20, e das bibliotecas completan a oferta vacacional para a infancia.

Co ánimo de facilitar a conciliación e de ofrecer alternativas de ocio a toda a rapazada chega Nadalcamps, que inclúe a actividade Xogamos no mercado, para nenos/as de 3 a 12 anos; un campus nas Escolas do Xardín Agra de Caldas para adolescentes de 12 a 16, e un campus tecnolóxico no Pazo da Cultura para maiores de 16.

E pensando no público adulto temos tamén propostas diferenciadas, como os cursos de cociña de Nadal que se impartirán os sábados 14 e 21 na Escola de Hostalaría do Fórum Carballo ou os bailes dos domingos. O día 29 celebraremos un baile para todos os públicos na carpa da Praza do Concello, con cotillón, música e animación.

“O que se busca é que o Nadal en Carballo sexa un Nadal diferente. Non queremos competir con ninguén, senón que nesta época na que o comercio gaña tanto protagonismo a xente se sinta a gusto en Carballo, que os nenos e nenas teñan moitas opcións e que a veciñanza desfrute da rúa e do comercio carballés”, concluíu o alcalde.

Descargas

Compartir: