Os Ratos de Lonxedetodo volven á Biblioteca Rego da Balsa cunha maleta chea de contos para a rapazada
Entre o 27 de novembro e o 30 de abril celebraranse 21 sesións destinadas a escolares de catro a oito anos
Venres 22 de novembro do 2024 Lingua
Carolina e Pillo, dous dos Ratos de Lonxedetodo
Os Ratos de Lonxedetodo volven a Carballo! A Concellaría de Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística fixo un novo convite aos famosos e queridos personaxes de TrinkeTrinke Teatro para que animen aos nenos e nenas a percorrer as nosas tradicións, a respectar a diversidade, a loitar contra o cambio climático, a afrontar e resolver os problemas, a interesarse pola ciencia, a descubrir o grande que é o mundo e a aprender dos maiores, e todo iso a través dunha serie de espectáculos teatrais e musicais dos que, sen dúbida, a cativada desfrutará coma sempre.
Desde o 27 de novembro ata o 30 de abril celebraranse un total de 21 representacións. Este é o cartel:
- 27 de novembro: Viaxe pola Galicia encantada
- 11 de decembro: O rato ilustrador
- 15 de xaneiro: Ovos, letras e galiñas
- 29 de xaneiro: Viaxe a África
- 12 de febreiro: Un nacemento especial
- 26 de febreiro: Aprendendo a querer
- 5 de marzo: Non. Aí non (contos para protexer a infancia dos abusos sexuais)
- 19 de marzo: A festa da poesía
- 2 de abril: Paxariños (en francés)
- 16 de abril: Lonxedetodo en festas!
- 30 de abril: Contos para andar o camiño
Os espectáculos van destinados a nenos e nenas de 4 ao 8 anos. Como xa vén sendo habitual, haberá dúas funcións cada mércores: unha ás 17.30 e outra ás 18.30 horas, agás no caso da representación en francés, que será única, ás 18.00 horas. Os convites poderán reservarse dende unha semana antes chamando ao 981 758 580.