Inicio Carballo ao día Novas O pobo de Carballo recibe o Premio Lois...

O pobo de Carballo recibe o Premio Lois Peña Novo en recoñecemento ao seu compromiso co uso do galego

O alcalde, Evencio Ferrero, recolleu o galardón nun acto celebrado este xoves no Castelo de Soutomaior (Pontevedra)

Venres 5 de xullo do 2024 Lingua

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, recolleu este xoves en Soutomaior (Pontevedra) o Premio Lois Peña Novo, concedido ao noso concello “pola súa firme aposta durante máis de 20 anos pola dinamización lingüística, desenvolvendo accións que animan tanto á cidadanía como aos funcionarios no uso do galego, converténdose nun exemplo de compromiso institucional coa lingua galega”.

Os Premios Lois Peña Novo, convocados pola fundación que leva o nome do autor chairego, teñen como obxectivo recoñecer o labor de persoas, entidades ou empresas que traballan a prol da lingua galega no ámbito das administracións públicas. Nesta 28ª edición, ademais do Concello de Carballo foron galardoados a traballadora social María Jesús Lago Vilaboa e o científico Carlos Pajares Vales.

O acto de entrega dos premios celebrouse este xoves no patio de armas do Castelo de Soutomaior. Evencio Ferrero agradeceu ao xurado a elección do Concello de Carballo e cualificou coma unha honra compartir galardón cos outros dous premiados.

O alcalde estendeu a gratitude do concello e do pobo de Carballo ao escritor, historiador e etnógrafo Xosé María Lema, que propuxo e defendeu a candidatura do Concello de Carballo. Na súa intervención destacou que “este Premio Peña Novo 2024 non é só para a corporación municipal de Carballo, presidida polo seu alcalde, senón para todo o pobo carballés [...] por manter e promover o seu idioma propio, e por sentirse orgulloso de usalo, xa que en Carballo o galego fálase sen ningún tipo de complexos. Esta é a gran novidade: premiamos non só á corporación, ó ente oficial, senón ó conxunto do pobo; debe ser a primeira vez que se fai”.

Compartir: