Inicio Carballo ao día Novas Volve a Praza dos Libros cun potente programa de...

DO 11 AO 14 DE XULLO

Volve a Praza dos Libros cun potente programa de actividades que acredita o noso compromiso coa cultura galega

Xurxo Souto será o pregoeiro desta edición, na que tamén estrearemos o “Espazo Facal” na lembranza do noso artista plástico máis internacional

Mércores 3 de xullo do 2024 Lingua

Do 11 ao 14 de xullo volve a Praza dos Libros, ou PLIC, cun potente programa que acredita o compromiso do Concello de Carballo coa cultura galega. O alcalde, Evencio Ferrero; a concelleira de Arquivos, Bibliotecas e Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret; o presidente da Fundación Luis Calvo Sanz, Chano Calvo, e representantes das librarías e editoriais participantes presentaron hoxe, no mesmo lugar no que se desenvolverá a nosa feira da creatividade cultural, as máis de  25 actividades que conforman o cartel do 2024, e que, como apuntou o alcalde, reforzan o papel de Carballo como referente cultural.

A PLIC é a única feira literaria de Galicia que se celebra dentro dunha feira tradicional tan antiga e importante como é a de Carballo, e queremos que os produtos gastronómicos da nosa terra teñan un papel moi destacado. Por iso, o xoves 11 todas as persoas que merquen un libro serán agasalladas con atún Calvo, este ano, como adiantou Chano Calvo, será un pack de 3 latas con vuelcafácil, e o domingo, día de feira e de despedida da Praza dos Libros, os libreiros e as libreiras entregarán un moletiño de pan de Carballo con cada venda.

O sector ofrecerá durante os catro días un 10% de desconto en todos os títulos, e ademais con cada libro entregarán unha tarxeta rasca coa que poderán conseguirse premios directos: libros, mochilas, bolígrafos, chaveiros, bolsas de tea... As casetas estarán abertas ao público de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 22.00 horas, polo que non hai escusa para non achegarse ata o corredor central da Praza do Concello e coñecer as novidades editoriais que nos traerán Brañas Verdes, Trasgo, Teldy, Clarión, Espiral Maior Foro e a debutante Espazo Lector Nobel, todas elas de Carballo, e tamén A gata tola, de Santiago, e Á lus do candil, de Arteixo.

Pola Praza dos Libros pasarán este ano autores e autoras coma Xurxo Souto, pregoeiro desta edición; Ana Moreiras, Miriam Beizana, Rosalía Fernández Rial, Xan Fraga, Elena Gallego Abad, Olga Rodríguez, Ramón Sánchez, Raúl Herrera, Luis G. Soto, Alfonso Xabier Canosa, Paula Cousillas, Miguel Anxo Fernán Vello, María Reimóndez, Xan Fernández Carrera, Lola Rontano, Rober Cagiao, Luís García Soto e dúas premios nacionais como Yolanda Castaño, de poesía, e Paula Carballeira, de literatura dramática.

Nace o

Pero a PLIC é unha auténtica feira da creatividade cultural, e por iso este ano non podiamos esquecer ao noso creador máis internacional, Manuel Facal. O venres 12 estrearase no marco da Praza dos Libros o Espazo Facal, un recuncho no que reuniremos libros, útiles de gravado e imaxes do artista para renderlle unha merecida homenaxe. E por iso tamén todas as actividades desa xornada estarán directamente relacionadas coas artes plásticas, desde o obradoiro de conto ilustrado para nenos de Santy Gutiérrez ata o taller de escultura para rapazada e adolescentes de Noelia A Ferreira. O Espazo Facal, que nace coa intención de ter continuidade, rematará por esta edición cunha conversa entre dous grandes amigos de Manuel Facal, Cesáreo Sánchez Iglesias e Miguel Anxo Fernán Vello, arredor da súa figura.

O programa ao completo podes descargalo máis abaixo.

Descargas

Compartir: