Inicio Carballo ao día Novas Máis de 600 nenos e nenas de catro a doce...

Máis de 600 nenos e nenas de catro a doce anos rematan o curso na Escola de Natación Infantil do Concello de Carballo

Venres 21 de xuño do 2024 Deporte

Ao longo desta semana están a celebrarse as xornadas de clausura do curso na Escola de Natación Infantil do Concello de Carballo, á que este ano asistiron máis de 600 nenos e nenas de catro a doce anos de idade, distribuídos en 68 grupos. Foi a cifra máis elevada dos últimos anos, o que permitiu eliminar a listaxe de agarda de abonados/as e reducir a de non abonados/as.

Ao longo do curso realizáronse 2.864 sesións. Ás de esta semana sumáronse as familias, que puideron ver en acción aos peques e asistir á entrega de medallas, á que tamén se sumaron o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Deportes, Daniel Pérez.

Ano tras ano, coincidindo co curso escolar, todos os días, de luns a venres, entre as 16.45 e as 20.00 horas, a piscina do complexo deportivo Vila de Noia ten un espazo reservado para os nenos e as nenas do municipio carballés, unha actividade que se compatibiliza co uso da instalación por parte de entidades deportivas e usuarios/as individuais.

Cada alumno/a da Escola de Natación Infantil recibe unha sesión semanal de 45 minutos de duración, ata acadar un total de 35 sesións entre setembro e xuño. Este programa acapara máis da metade da demanda das actividades acuáticas que se desenvolven na piscina municipal Vila de Noia, e cada semana impártense 80 sesións.

A Escola de Natación Infantil do Concello de Carballo cumpriu xa 36 anos, e non pode haber maior satisfacción que ver as caras de felicidade dos milleiros de nenos e nenas que aprenderon a nadar na piscina municipal Vila de Noia ao longo de todo este tempo.

As persoas que precisen información máis detallada sobre o funcionamento da Escola de Natación Infantil do Concello de Carballo poden poñerse en contacto coa área de Deporte a través do enderezo electrónico carballodeporte@carballo.gal, chamando ao 981702109 ou presencialmente nas oficinas de Carballo Deporte, na rúa Vila de Corcubión.

Compartir: