Inicio Carballo ao día Novas A Concellaría de Feiras pon en marcha...

DO 11 DE MARZO AO 6 DE XUÑO

A Concellaría de Feiras pon en marcha MercaEscola, unha aula de formación e información para persoas adultas

Podes descargar o impreso de inscrición ao final desta nova ou recollelo no mostrador do 1º andar da casa do concello

Mércores 28 de febreiro do 2024 Mercado Municipal

Evencio Ferrero e Ramón Varela presentaron o programa

Evencio Ferrero e Ramón Varela presentaron o programa

O concelleiro de Feiras e Mercados, Ramón Varela, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, presentaron hoxe MercaEscola, un programa formativo e informativo que inclúe 12 actividades dirixidas a persoas adultas e que se desenvolverá na aula de formación do mercado municipal desde o 11 de marzo ata o 6 de xuño.

Tal como explicou o concelleiro, MercaEscola nace cun dobre obxectivo: “Por unha parte, atender a demanda de formación que nos trasladan as persoas que asisten a outras actividades, como os cursos de manexo dos teléfonos móbiles ou a Universidade Sénior, e, por outra, seguir dinamizando o mercado municipal, converténdoo nun lugar de referencia para a compra pero tamén para a formación”. Neste sentido comentou que este podería ser o primeiro paso para, en función da aceptación e da demanda, crear un aula de formación permanente.

MercaEscola inclúe 12 actividades repartidas en tres bloques claramente diferenciados:

  1. Consumo. O primeiro bloque ten que ver directamente co consumo e cos nosos dereitos como consumidores/as, no que contamos coa colaboración do Instituto Galego de Consumo a través do programa Consumo Responde. Serán 4 charlas, unha por mes, enfocadas a resolver as dúbidas dos consumidores sobre cuestións como os recibos da luz e o gas, a compra responsable, as entidades bancarias ou como presentar unha reclamación, todo dun xeito moi práctico.
  2. Saúde. Contaremos coa participación do oncólogo Alfonso Mariño coincidindo coa celebración da Semana Europea contra o Cancro, no mes de maio; da nutricionista e fisioterapeuta Leticia González, que falará da relación entre estas dúas especialidades e de como aplicar normas básicas para mellorar a nosa saúde no día a día, e da investigadora carballesa María Vilanova, que colabora nun proxecto da Facultade de Fisioterapia da UDC para intentar determinar se a marcha nórdica pode mellorar a patoloxía asmática. Neste bloque tamén haberá 4 sesións. A cuarta será impartida por Protección Civil, que dun xeito moi práctico tamén nos ensinará nocións de primeiros auxilios para poder aplicar no fogar ante emerxencias cotiás coma unha caída, un atragoamento ou unha queimadura.
  3. Medio ambiente. O terceiro bloque ten que ver co medio ambiente e os servizos públicos, e tamén constará de catro sesións. Comezaremos falando da avespa velutina, coincidindo coa posta en marcha da campaña de trampeo no mes de marzo, coma nos últimos últimos anos. Tamén contaremos coa colaboración da Policía Local para aprender a movernos mellor e con máis seguridade, sobre todo desde o punto de vista peonil. Outro aspecto fundamental que abordaremos é a separación dos residuos en orixe, nunha sesión tamén moi práctica que nos ofrecerá Sogama. E, por último, realizaremos unha visita guiada polo ciclo integral da auga. Será unha saída en autobús, con persoal de Gestagua, para coñecer unha captación, unha planta de tratamento de auga potable e unha depuradora de augas residuais.

As persoas que asistan a todo o curso recibirán ao remate un diploma acreditativo, pero tamén é posible inscribirse para sesións soltas. Dado que as prazas son limitadas, terán preferencia as persoas que e anoten para o curso completo. O impreso pode descargarse ao final desta nova ou recollerse no mostrador do primeiro andar da casa do concello, e poderá entregarse presencialmente neste mesmo punto ou ben enviarse por e-mail a comunicacion@carballo.gal. O prazo está aberto ata o xoves 7 de marzo. As prazas son limitadas e cubriranse por orde de inscrición. A matrícula e as sesións son de balde.

O alcalde destacou a variedade e o interese da programación e animou á veciñanza a participar.

Descargas

Compartir: