Inicio Carballo ao día Hemeroteca A corporación municipal rematou o...

A corporación municipal rematou o último pleno do 2023 co desexo unánime de que o 2024 sexa un ano de paz

Xoves 28 de decembro do 2023 Carballo ao día

O último pleno do ano en Carballo estivo marcado polo consenso. A corporación municipal aprobou por unanimidade unha moción do PSOE sobre a creación dun regulamento de funcionamento das sesións, porque, aínda que todos os grupos destacaron a cordialidade e a educación que caracterizan os plenos no noso concello, si consideran preciso establecer unha serie de normas, sobre todo de cara á futura incorporación de sistemas de gravación e vídeo-acta. Aínda que a elaboración do regulamento debe ser responsabilidade dos técnicos municipais, os distintos grupos participarán no proceso.

Tamén saíu adiante por unanimidade a modificación da RPT (relación de postos de traballo) que afecta a persoal laboral fixo ou fixo discontinuo, en concreto o profesorado do Conservatorio Municipal de Música, o equipo de salvamento e socorrismo nas praias ou persoal da Unidade de Condutas Adictivas (UCA), entre outro persoal.

A oposición abstívose en canto a un recoñecemento de obrigas pendentes de exercicios anteriores (facturas de anos anteriores que se presentaron recentemente) por un importe total de 5.541,59 euros. O PP tamén se abstivo con respecto á modificación da ordenanza reguladora das taxas do mercado, que afecta unicamente ao método de pago e que ten como finalidade facilitar a xestión do servizo.

Finalmente, o alcalde deu conta da aprobación, por parte da Deputación da Coruña, do proxecto modificado da obra de mellora da vía das Labradas á Ponte de Bértoa. Despois de licitala en dúas ocasións e que quedase deserta, realizouse unha revisión do proxecto para axustar o prezo do aglomerado, que supón un encarecemento da obra de 142.639 a 207.666 euros. Tan pronto como entre en vigor o orzamento do 2024, que será aprobado en xaneiro, a obra poderá saír a licitación de novo.

Xa ao remate da sesión, que durou media hora, a corporación municipal quixo enviar á cidadanía unha mensaxe de paz para o ano 2024. Podedes escoitala no vídeo.

Vídeos

Compartir: