Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo, premio Aproema a Entidades...

Carballo, premio Aproema a Entidades Públicas pola contribución realizada á protección do medio ambiente

O concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Vales, recolleu o galardón na gala celebrada hoxe en Vigo

Martes 28 de novembro do 2023 Carballo ao día

Miguel Vales recolleu o premio hoxe en Vigo

Miguel Vales recolleu o premio hoxe en Vigo

Carballo 2030 é o proxecto público máis sostible de Galicia, e así vén de recoñecelo a Asociación Profesional de Empresas Medioambientais de Galicia (Aproema) ao outorgar ao noso concello o seu galardón anual na categoría de Entidades Públicas. O concelleiro de Medio Ambiente e Servizos, Miguel Vales, recolleuno hoxe nun acto celebrado en Vigo, no marco do II Foro Empresa Sostible, organizado pola Confederación Empresarial de Pontevedra.

Os premios Medio Ambiente Aproema, organizados en colaboración coa Xunta de Galicia, Sogama, Ecoembes, a Universidade de Santiago de Compostela e a Federación Galega de Municipios e Provincias, pretenden destacar e recoñecer as accións individuais ou colectivas, tanto públicas coma privadas, que se desenvolven en Galicia en favor do medio ambiente.

Ademais de Carballo, galardoado na categoría de Entidades públicas pola estratexia Carballo 2030, que abrangue accións relacionadas coa xestión sostible dos servizos públicos e a mobilidade, nesta edición tamén se entregaron premios nas categorías de Entidades privadas, Empresas e Centros académicos, que recaeron en Hijos de Rivera, Coca-Cola, Asociación Nacional de Empresas Distribuidoras de Electrodomésticos (ADEN), Iniciativa Social Emprendedora de Reciclaxe Téxtil de Galicia (Insertega) e Colexio Franciscanas de Ourense.

O concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Vales, expresou a súa satisfacción polo premio, que supón un importante recoñecemento ao traballo que se vén desenvolvendo nos últimos vinte anos desde as áreas de Medio Ambiente e Servizos e súmase aos premios Cegasal, Cidade Sostible ou Escoba de Plata, que avalan as nosas políticas medioambientais e constitúen un aliciente para seguir avanzando na nosa propia estratexia 2030.

Compartir: