Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Concellaría de Feiras e Mercados pon en...

A Concellaría de Feiras e Mercados pon en marcha no mercado municipal un programa de mentorización e formación

O concelleiro Ramón Varela e o alcalde expresaron o compromiso do goberno municipal coa promoción da praza de abastos

Martes 3 de outubro do 2023 Mercado Municipal

O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Feiras e Mercados, Ramón Varela, presentaron este martes o programa “Mercado en formación”, que pretende facilitar aos concesionarios dos postos as claves para mellorar a súa competitividade, modernizar os seus negocios e achegarse a novos consumidores implementando ferramentas coma a venda electrónica ou o servizo a domicilio.

Ramón Varela explicou que a iniciativa inclúe, por unha banda, un programa de mentorización personalizada ao que poderán acollerse ata 10 praceiros e praceiras, e, por outra, unha serie de actividades formativas grupais nas que participarán expersos/as en cada unha das áreas: conservación de produtos e os envases para o servizo a domicilio, a atención ao cliente online, a comercialización de produtos tamén a través da Internet ou a elaboración dun plan de viabilidade. Sobre este aspecto versará, precisamente, a sesión inaugural, prevista para o dia 11, e que contará coa participación da xerente do mercado municipal de Santiago de Compostela.

O programa “Mercado en formación” desenvolverase do 11 ao 30 de outubro. O proxecto, que conta co apoio da Consellería de Economía, Industria e Innovación, espertou un considerable interese, xa que na presentación de hoxe estiveron representados boa parte dos postos do mercado municipal. Agora ábrese un prazo de inscrición, ata o propio día 11, para que cada concesionario/a se anote para as actividades que máis lle interesen, para o cal deberán dirixirse á xerencia da praza de abastos. Todas as sesións colectivas celebraranse no propio mercado, en horario de 17.00 a 19.00, mentres que as individuais adaptaranse aos horarios e necesidades de cada participante.

Descargas

Compartir: