Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello de Carballo chega ao final do mandato...

O Concello de Carballo chega ao final do mandato sen débedas e cun remanente de tesourería de 10 millóns de euros

O alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, renderon contas da liquidación do orzamento do 2022

Domingo 2 de abril do 2023 Carballo ao día

Evencio Ferrero e Belén Lendoiro presentaron os números

Evencio Ferrero e Belén Lendoiro presentaron os números

O alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, renderon contas da liquidación do orzamento do 2022, que se pechou cun resultado positivo de 3.976.691,20 euros. Nestes momentos o Concello de Carballo dispón de 10.670.161,36 euros de remanente de tesourería para gastos xerais, o que permitiría seguir realizando incorporacións para obras e servizos, como se fixo nos últimos exercicios; sen embargo, o goberno municipal entende que debe ser a corporación resultante das eleccións municipais do próximo 28 de maio a que tome a decisión sobre os investimentos que se acometerán.

O Concello de Carballo ingresou o ano pasado un total de 28.327.603,65 euros e gastou 27.736.010,63, cifras moi axustadas ás previsións do orzamento aprobado inicialmente, que acadaba os 27.860.737,25 euros tanto de ingresos coma de gastos. Á diferenza de 591.593,02 euros que existe entre dereitos e obrigas recoñecidos hai que engadirlle as desviacións de financiamento positivas e negativas e tamén os gastos realizados con remanente de tesourería, que superaron os tres millóns de euros; de aí ese resultado final de case catro millóns.

Ademais, o Concello de Carballo non ten débeda algunha cos bancos, como apuntou o alcalde. “E aínda con estes números, tal como está o criterio contable das facendas locais, resulta que o Concello incumpre as regras de estabilidade e de gasto, aínda que como esas normas fiscais non están vixentes non ten importancia ningunha que se cumpran ou non. Pero eu volvo a insistir en que esas regras fiscais non teñen en conta a realidade das distintas administracións locais. O noso exercicio pechouse cun saldo favorable de case catro millóns de euros ¿e aínda así non cumprimos estabilidade? ¿Quen entende iso?”, pregúntase Evencio Ferrero.

Compartir: