Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello de Carballo e as panadarías...

O Concello de Carballo e as panadarías locais impulsan unha nova campaña para promocionar o roscón de Reis

Este Nadal queremos que “o pan máis real” estea presente en todas as celebracións familiares

Xoves 29 de decembro do 2022 Promoción Económica

Fortalecer a marca Panadarías de Carballo, incrementar a proxección do noso pan fóra do municipio e da comarca coma un recurso gastronómico con grandes posibilidades turísticas e revalorizalo a nivel local con iniciativas que impliquen a outros sectores económicos, coma a hostalería, é o obxectivo das accións que vimos desenvolvendo dentro da campaña Máis de Carballo que o pan.

Despois da gran implicación do sector na celebración do Día Mundial do Pan o pasado 16 de outubro, todas as panadarías locais volven a sumarse á campaña promovida polo Concello de Carballo para impulsar as vendas do roscón de Reis e para que “o pan máis real”, como di o lema da iniciativa, estea presente en todas as celebracións familiares.

En todos os establecementos do sector podes ver estes días carteis co simpático molete que protagoniza a campaña Máis de Carballo que o pan ataviado coa coroa real, e tamén a partir de hoxe atoparalo nas redes sociais do Concello de Carballo.

Tal como avanzamos con motivo do Día Mundial do Pan, o molete será a imaxe de diferentes iniciativas relacionadas cos produtos das Panadarías de Carballo. Ademais da actual campaña de promoción do roscón de Reis xa estamos preparando novas accións de cara ás celebracións de pascua. Seguide atentos/as!

Compartir: