Inicio Carballo ao día Hemeroteca Xubilación da xefa do servizo de arquivo e...

Xubilación da xefa do servizo de arquivo e biblioteca, Marina Carballido, tras 39 anos de dedicación ao servizo público

Venres 4 de novembro do 2022 Carballo ao día

Despois de 39 de dedicación ao servizo público, para Marina Carballido Rama chegou o momento da xubilación. A xefa do servizo de arquivo e biblioteca pensaba despedirse asinando o seu cese na Alcaldía, pero no despacho de Evencio Ferrero agardábana un bo número de compañeiros e compañeiras de distintos departamentos municipais, ademais de varios membros do goberno municipal encabezados por Milagros Lantes, que exerce estes días de alcaldesa en funcións.

Marcos Trigo, responsable do servizo de arquivo e biblioteca como concelleiro de Cultura, lembrou a súa experiencia infantil como usuario da antiga biblioteca situada na planta baixa da casa do concello, puxo en valor a profesionalidade e a dedicación de Marina, pero sobre todo destacou o seu “enorme corazón. O Concello de Carballo –dixo- perde a unha excelente persoa”.

Milagros Lantes entregoulle un carballo de Sargadelos e deulle a benvida ao mundo da xubilación, no que xa a concelleira xa leva uns meses de experiencia. Pero, como fixera Marcos Trigo, destacou especialmente a pegada que Marina Carballido deixa no Concello de Carballo e no ámbito da cultura, porque foi unha das primeiras bibliotecarias da zona, responsable, polo tanto, de iniciar un traballo difícil pero que 39 anos despois demóstrase que deu froitos.

Os compañeiros e compañeiras de Marina “a da biblioteca”, como a coñecen moitos veciños e veciñas, quixeron agasallada con varios obsequios, entre eles un completo “kit” para desfrutar da xubilación. A homenaxeada, moi emocionada, agradeceu as mostras de afecto e prometeu que a seguiremos vendo pola casa de todos os carballeses e carballesas. Grazas e moitos parabéns, Marina!

Compartir: