Inicio Carballo ao día Hemeroteca As cabazas volven ás zonas verdes para...

As cabazas volven ás zonas verdes para celebrar o Samaín e implicar a infancia no coidado dos xardíns

Este ano volvemos a habilitar catro zonas próximas a colexios para que a rapazada poida colocar as súas cabazas decoradas

Mércores 26 de outubro do 2022 Carballo ao día

Ás portas do Samaín, e coincidindo coa decoración con cabazas das prazas de Galicia, da Cruz Vermella e do Concello, arrinca unha nova edición da campaña Presume de xardíns, na que contamos coa colaboración do centro especial de emprego Dixardín co obxectivo de fomentar o coidado e o respecto polas zonas verdes e os espazos públicos.

E un ano máis, dentro do programa de sensibilización medioambiental Catro estacións, convidamos aos nenos e nenas a participar na decoración dos xardíns con cabazas decoradas para implicalos no coidado das zonas verdes, tanto dende unha perspectiva medioambiental como dende a promoción dunha conciencia cívica cara aos bens comunitarios, e fomentando ademais a creatividade infantil. Con esa finalidade volvemos a habilitar as mesmas catro zonas que o ano pasado, próximas a centros escolares: rúa Eduardo Pondal, rúa Campo da Feira, Parque do Anllóns e Parque do Chorís. Así seguiremos enchendo de cor eses espazos baleiros, utilizando ademais un elemento tan característico desta época de Samaín.

Pero este ano introducimos unha novidade, que consiste en que todas as persoas que nos envíen fotos da colocación das súas cabazas decoradas nos xardíns recibirán un agasallo. As imaxes deben enviarse por correo electrónico a comunicacion@carballo.gal, e publicaranse nas redes sociais do Concello de Carballo.

Ademais da colocación das cabazas, nesta época os protagonistas dos xardíns municipais son os crisantemos, polo que poderedes ver numerosos exemplares de Chrysanthemum indicum en diferentes cores. Non deixedes de visitalos!

Compartir: