Inicio Carballo ao día Hemeroteca Actividades medioambientais, cursos de...

Actividades medioambientais, cursos de formación, xornadas profesionais e moito máis no programa “Naturalmente, outono”

O concello organiza e/ou colabora en iniciativas moi diferentes pero que perseguen un mesmo obxectivo: avanzar cara un Carballo máis sostible

Venres 16 de setembro do 2022 Carballo ao día

O proxecto Libera regresa este sábado a Carballo coa campaña 1m2 polas praias e os mares, promovida por Seo BirdLife, a ONG ambiental decana en España, e Ecoembes, a organización sen ánimo de lucro que promove a economía circular a través da reciclaxe dos envases. No noso concello súmase tamén a Fundación Luis Calvo Sanz co obxectivo de loitar contra a basuraleza no espazo natural de Baldaio. Será a primeira das xornadas de limpeza que se desenvolverán nas contornas costeiras de todo o país ata o domingo 25.

E precisamente o 25 de setembro chegará a segunda das actividades que agrupamos baixo a denominación común Naturalmente, outono, porque na estación que está a piques de chegar vanse desenvolver no noso concello iniciativas moi diferentes pero que perseguen un mesmo obxectivo: avanzar cara un Carballo máis sostible.

O último domingo de setembro chegará todo un clásico, porque a limpeza simultánea de ríos promovida pola asociación ecoloxista Adega dentro do Proxecto Ríos cumpre 15 anos, e o noso Anllóns nunha falta. Para participar na campaña Móllate polos ríos, na que colabora un ano máis o Concello de Carballo, aínda está aberto o prazo de inscrición. As persoas interesadas só teñen que anotarse enviando os seus datos ao enderezo electrónico m.canedo@udc.es

O Concello de Carballo tamén colabora coa asociación ambiental Senda Nova en actividades como o Outono en marcha, que se presentará o día 29 no Espazo da natureza de Oza, e que formará parte do cartel dinámico do programa Naturalmente, outono, que se irá actualizando a medida que avancen as semanas e as iniciativas.

O 29 arrincará tamén unha ambiciosa proposta impulsada polo Concello de Carballo e Gestagua na que tratamos de implicar a todas as administracións comprometidas coa sustentabilidade creando un escenario común no que poderán expoñer e compartir experiencias nos ámbitos do ciclo integral da auga, a xestión dos residuos, a eficiencia enerxética e, por suposto, a mobilidade sostible. O Congreso Concellos 2030 celebrarase os días 29 e 30 de setembro no Fórum Carballo, e o prazo de inscrición está aberto a través da páxina web https://concellos2030.gal/, onde tamén está dispoñible toda a información sobre o evento.

Para comezar o mes de outubro temos en cartel outra novidosa e interesante actividade, a Noite de morcegos organizada pola entidade Morcegos de Galicia para o día 1 en Baldaio. O obxectivo desta actividade nocturna é achegar ao público o mundo dos morcegos e as técnicas que se utilizan para o seu estudo, e con esa finalidade fanse observacións, identificacións e outras actividades complementarias. Nos vindeiros días ofrecerémosvos máis información.

E do 3 ao 14 de outubro Carballo acollerá un curso de compostaxe para persoas desempregadas organizado pola ONG Amigos da Terra dentro do programa Empleaverde do Ministerio para a Transición Ecolóxica, co financiamento do Fondo Social Europeo e a colaboración do Concello de Carballo. A formación constará de 48 horas, divididas en 8 módulos en liña e 16 módulos de prácticas presenciais, ao longo das cales se abordará o ciclo completo de xestión da fracción orgánica dos residuos. O prazo de inscrición rematará o día 22 de setembro ás 14.00 horas a través do enderezo electrónico residuos@amigosdaterra.net.

Compartir: