A moda de amorear pedras prexudica a especies de fauna e flora do espazo natural de Razo-Baldaio
A Concellaría de Medio Ambiente, en colaboración cos axentes ambientais da Xunta e o servizo municipal de limpeza de praias, realiza traballos de restauración ambiental
Mércores 3 de agosto do 2022 Carballo ao día
![O persoal de limpeza de praias retirou hoxe os montículos de pedras coa supervisión dos axentes ambientais da Xunta O persoal de limpeza de praias retirou hoxe os montículos de pedras coa supervisión dos axentes ambientais da Xunta](media/../media/img/pedras_baldaio_800x460.jpg)
O persoal de limpeza de praias retirou hoxe os montículos de pedras coa supervisión dos axentes ambientais da Xunta
A construción de montículos de pedras, asociada ao turismo de natureza e reflectida en fotografías difundidas a través das redes sociais, é unha práctica estendida por todo o mundo que tamén chegou ao noso litoral. Pero as consecuencias desta moda son prexudiciais para a biodiversidade. E non o dicimos nós, senón un equipo internacional con participación de investigadores do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), que advirte de que o amoreamento de pedras prexudica a varias especies animais e vexetais, algunhas das cales se atopan en perigo de extinción. A píllara das dunas é unha delas.
A Concellaría de Medio Ambiente e Praias, en colaboración cos axentes ambientais dependentes da Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta e co servizo municipal de limpeza de praias, vén de realizar traballos de restauración ambiental na franxa Razo-Baldaio, na que apareceron nos últimos días numerosos montículos de pedras.
As nosas praias forman parte dunha área protexida, na que podemos pasear, tomar o sol, practicar deporte ou realizar diferentes actividades, pero que, como lembran dende Patrimonio Natural, cando marchamos debemos deixalas nas mesmas condicións nas que as atopamos. No caso de Baldaio, o problema agrávase coa utilización de pedras procedentes do recheo realizado a raíz do taponamento da canle da ría, o que supón que se están introducindo na area elementos alleos ao espazo natural.
![Unha das construcións de pedra retiradas hoxe en Baldaio Unha das construcións de pedra retiradas hoxe en Baldaio](media/../media/img/03082022_pedras_baldaio_(2)_898x857.jpg)
Unha das construcións de pedra retiradas hoxe en Baldaio
Amorear pedras non ten nada que ver cos antigos milladoiros galegos nin coa cultura zen, senón que, como sinalan dende o CSIC, “esta moda banal e importada doutras culturas constitúe un grave atentado ao medio ambiente e á paisaxe das áreas naturais”. Estas estruturas modifican o hábitat de especies animais e vexetais, que usan rocas como refuxio ou dependen das condicións de microclima asociadas a elas, pero ademais, como indican os axentes ambientais destinados na comarca de Bergantiños, moitas veces supoñen un reclamo para outras especies alleas á praia, como os cánidos.
Seguindo as indicacións do CSIS, que piden a imposición de restricións á construción de montículos de pedras e instan a desmantelar as existentes, dende o Concello de Carballo, ademais de solicitar a colaboración das persoas usuarias das praias para erradicar este tipo de prácticas, vimos de acometer, en coordinación cos axentes ambientais e coa colaboración do servizo municipal de limpeza de praias, a destrución das estruturas existentes.