Inicio Carballo ao día Hemeroteca Apróbase a convocatoria do certame...

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

Apróbase a convocatoria do certame fotográfico Xosé Manuel Eirís

Xoves 1 de setembro do 2005

Os interesados en participar no certame deberán entregar obras inéditas, de tema libre e en branco e negro. Cada participante poderá peresentar como máximo cinco obras. Ademais do primeiro premio, dotado con 500 euros, e do segundo, con 350 euros, o Concello outorga tamén o "Premio especial Carballo", tamén de 350 euros, á mellor fotografía que faga referencia directa ao municipio en calquera dos seus aspectos.

Na sesión da Xunta de Goberno local aprobáronse tamén dous convenios de colaboración do Concello con outras entidades. O primeiro é un acordo con Cáritas diocesana de Santiago para a realización de tres accións formativas: chapista de vehículos, instalador eléctrico e maquinista de confección industrial.

O segundo dos convenios é de nomeamento do Concello de Carballo como concello colaborador do Proxecto Ríos, da Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza (Adega), para a implantación dun novo concepto de traballo de voluntariado ambiental para a conservación e mellora do medio.

Aprobación de padróns fiscais

A Xunta de Goberno local aprobou tamén os Padróns do Imposto sobre Actividades Económicas e o do Imposto de Bens Inmobles urbanos, urbano con características especiais e rústicos. Estableceuse o prazo dun mes para expoñer publicamente o padrón, así coma o período voluntario de cobro das liquidacións do padrón que será entre o 15 de setembro e o 21 de novembro.

Compartir: