Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello estende a outros 8 espazos axardinados...

O Concello estende a outros 8 espazos axardinados o plan integral de mellora das zonas verdes

A Xunta de Goberno Local aprobou o expediente de contratación dos traballos de reforma de catro parques urbanos e cinco rotondas

Luns 9 de maio do 2022 Carballo ao día

Parque Rego da Balsa

Parque Rego da Balsa

En maio de 2019, o Concello de Carballo iniciou a reforma integral de 11 espazos axardinados: Rego da Balsa, prazas de Galicia, do Concello e da Cruz Vermella e sete rotondas. Este primeiro contrato permitiu estender ás zonas verdes o proceso de transformación que está a experimentar a nosa vila.

Despois desa primeira intervención, cuxos resultados están á vista, o goberno municipal dá un paso adiante cun novo proxecto de mellora integral doutros 8 espazos axardinados: os parques do Anllóns, Eduardo Pondal, A Milagrosa e San Cristovo, a rotonda de Pedra Furada e outras catro situadas no polígono de Bértoa. O investimento, aprobado hoxe pola Xunta de Goberno Local, acada os 89.999,71 euros.

As actuacións teñen un obxectivo ornamental pero tamén funcional, con deseños adaptados a cada espazo. Así, por exemplo, na zona da Milagrosa crearanse pantallas acústicas e de protección, nas rotondas primará o acolchado de solos espidos e no Parque do Anllóns xeraranse novas zonas de sombra. Todas as melloras realizaranse en función de criterios técnicos, tratando de evitar ou paliar os problemas de tipo fitopatolóxico, biomecánico, fisiopático e de funcionalidade que presentan agora mesmo algunhas desas zonas verdes.

Pero ademais de realizar unha clara aposta de xardíns máis sostibles, coas especies axeitadas a cada espazo, sistemas de rego e un alto estándar de calidade, o Concello de Carballo reforza o seu compromiso coa integración social, xa que o contrato estará reservado a centros especiais de emprego de iniciativa social e empresas de inserción reguladas.

Compartir: