Inicio Carballo ao día Hemeroteca A pavimentación da nova ponte do Parque do...

A pavimentación da nova ponte do Parque do Anllóns permitirá abrila ao tránsito peonil a vindeira semana

A nova pasarela axústase ás indicacións de Augas de Galicia sobre a necesidade de aumentar a altura con respecto ao río dado o alto risco de inundacións nesa zona

Venres 29 de abril do 2022 Carballo ao día

Coa pavimentación en cemento da zona de tránsito rematarán, entre hoxe e o luns, os traballos de instalación da nova pasarela peonil do Parque do Anllóns. A empresa que realiza as obras confirmoulle ao alcalde, Evencio Ferrero, que se achegou pola mañá ata o parque, que a ponte poderá abrirse ao longo da vindeira semana.

A nova pasarela, de 16 metros de lonxitude e 2,19 de anchura, non só solucionará os problemas de accesibilidade e mantemento que tiña a anterior, senón que tamén se axusta á necesidade de acometer actuacións que permitan reducir o risco de inundación nas beiras do Anllóns. Neste sentido, o deseño respecta estritamente ás indicacións de Augas de Galicia con respecto á sección do río. Así, a estrutura metálica, máis sólida e lixeira, permite elevala. Ao eliminar a base de madeira, a altura con respecto á canle fluvial aumenta ata os 3,40 metros na parte central e os 2,12 nos laterais. Así mesmo, a pasarela dispón dunha serie de barras verticais espaciadas para cumprir os criterios de seguridade impostos polo código técnico da edificación.

O Parque do Anllóns é unha zona ARPSI (área de risco potencial significativo de inundación). A actuación que vimos de realizar na ponte concorda coas accións que tamén se están a acometer por parte de Augas de Galicia dentro do convenio de colaboración asinado co Concello de Carballo para seguir eliminando obstáculos ao longo da canle do Anllóns. Neste sentido tamén está previsto modificar as pontes da Casilla e do Campo da Feira, ademais de construír outra ponte nun novo emprazamento para substituír a actual do San Martiño.

Compartir: