Inicio Carballo ao día Hemeroteca Máis de 350 escolares do noso concello...

Máis de 350 escolares do noso concello participarán no programa “Aprende a través do surfing”

A Xunta de Goberno Local tamén aprobou hoxe a organización da carreira popular 10K Carballo, que celebrará a súa décima edición o 5 de xuño

Luns 14 de marzo do 2022 Carballo ao día

A Xunta de Goberno Local aprobou na sesión de hoxe a participación do Concello de Carballo no programa “Aprende a través do surfing”, unha iniciativa promovida pola Federación Española de Surfing que pretende achegar este deporte, pero tamén o coñecemento da cultura oceánica e da biodiversidade do noso litoral, a máis de 366 escolares de Primaria e ao seu profesorado. A actividade, organizada dende a área de Promoción Económica e Turismo, incluirá actividades nos centros e nas praias, cun custo de 12 euros por participante.

Tamén saíu adiante na xuntanza de hoxe a organización da décima edición da carreira popular 10K, que se celebrará o 5 de xuño. O evento, impulsado pola Concellaría de Deporte, regresa despois de dous anos de ausencia por mor da COVID-19, con algunhas novidades que se darán a coñecer nas vindeiras semanas. Será unha proba oficial da Federación Galega de Atletismo para deportistas de todas as idades, e cunha cota de inscrición de 5 euros para as categorías absolutas.

No que respecta a eventos de próxima celebración no noso concello, a Xunta de Goberno Local estableceu tamén un prezo público de 24 euros para o taller de podcast de ficción que se levará a cabo dentro do programa FormaCIP do Carballo Interplay. En relación co festival tamén foi aprobada, por outra banda, unha solicitude de subvención á Deputación da Coruña por importe de 67.946,38 euros para a organización da novena edición.

Outros acordos

A Xunta de Goberno local aprobou varias licenzas urbanísticas, entre elas a correspondente á construción dunha planta eco-saudable con accesibilidade universal para a elaboración de produtos panificados de nova xeración no polígono industrial de Bértoa. O investimento neste novo proxecto empresarial supera os dous millóns de euros.

Por outra banda, foron aprobadas facturas de gasto por 33.083,24 euros e gratificacións ao persoal por 13.523,93 euros. O goberno municipal deu luz verde tamén á adhesión do Concello de Carballo ao convenio coa Xunta para o programa galego de vixilancia e control da avespa velutina, ademais de aprobar a prórroga do servizo municipal de control de pragas.

En materia de contratación tamén foi adxudicado o contrato privado para a enaxenación onerosa dunha parcela de 90,55 metros cadrados situada na rúa Xasmíns, por un importe de 3.020 euros.

Compartir: