Inicio Carballo ao día Novas O Concello de Carballo inicia a sexta temporada...

ACCEDE AQUÍ O FORMULARIO ONLINE PARA SOLICITAR UNHA TRAMPA

O Concello de Carballo inicia a sexta temporada de trampeo da avespa velutina en colaboración cos apicultores

O alcalde, o concelleiro de Servizos, o responsable da empresa concesionaria do Servizo Municipal de Control de Pragas e varios colaboradores presentaron a campaña

Luns 14 de marzo do 2022

Aínda que acabar coa avespa velutina semella unha misión imposible, reducir a poboación de avespas e as súas consecuencias é posible grazas ás campañas anuais de trampeo, nas que Carballo foi un concello pioneiro no ano 2017. Hoxe presentouse a correspondente a este 2022 coa presenza do alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Servizos, Luis Lamas; o responsable da empresa concesionaria do Servizo Municipal de Control de Pragas, Isidro Rodríguez, e un grupo de colaboradores e colaboradoras habituais nos últimos anos, na súa maioría apicultores e apicultoras.

O ano pasado participaron na campaña 245 persoas e colocáronse un total de 1.519 trampas, o que permitiu chegar a unha cifra récord de 32.486 avespas capturadas, máis do dobre que o ano anterior. Este ano queremos seguir ampliando o equipo de voluntarios/as, e por iso poñemos a disposición de toda a veciñanza tanto as trampas como líquido atraente. As persoas interesadas poden cubrir o cuestionario que atoparán ao final desta nova ou achegarse ata a oficina da empresa concesionaria do Servizo Municipal de Control de Pragas, Plaguiber, na rúa Brasil número 27.

Na xuntanza de hoxe puideron verse as primeiras avespas capturadas este ano

Na xuntanza de hoxe puideron verse as primeiras avespas capturadas este ano

Ademais, este ano realizaranse formacións específicas en cinco puntos do concello, coa finalidade de achegar ao maior número de persoas posibles nocións básicas sobre o comportamento da avespa velutina, a fabricación de trampas caseiras ou a prevención de picaduras, entre outros aspectos. Nas sesións, que se levarán a cabo nos centros sociais de Sofán, Rus, Lema, Cances e Escola de Arrabaldes, no barrio urbano da Milagrosa, participarán tamén os apicultores. As persoas interesadas poderán achegarse a calquera destes puntos nas datas fixadas, que se darán a coñecer en breve.

Dende o Concello de Carballo queremos agradecer a implicación da cidadanía na loita contra unha especie invasora que está a minguar a produción local de mel e de froita. A campaña de trampeo concéntrase entre os meses de marzo e maio, coincidindo coa aparición dos primeiros niños primarios, o que permite capturar ás raíñas e evitar a formación de futuros niños secundarios. Lembra que agora os avisos dos niños que poidan ir aparecendo deben tramitarse a través do teléfono da Xunta de Galicia 012.

Ligazóns

Compartir: