Inicio Carballo ao día Hemeroteca O pleno comezou cun minuto de silencio polas...

O pleno comezou cun minuto de silencio polas vítimas do "Villa de Pitanxo" e da invasión rusa en Ucraína

Todas as mocións presentadas polos grupos da oposición foron aprobadas

Martes 1 de marzo do 2022 Carballo ao día

A corporación municipal de Carballo iniciou o pleno ordinario de febreiro gardando un minuto de silencio polas vítimas do naufraxio do pesqueiro “Villa de Pitanxo” e da invasión rusa en Ucraína. Aos 16 puntos incluídos na convocatoria sumouse unha iniciativa do PP arredor do Día da Muller, pero aínda así a sesión durou pouco máis de 1 hora. A nivel organizativo, o pleno estivo marcado polas ausencias da socialista Maricarmen Vila e do nacionalista Xosé Regueira, así como pola estrea de Rubén Lorenzo coma portavoz do PP en substitución de Paula Nogueira.

Os acordos adoptados foron os seguintes:Aprobación da acta da sesión anterior, por unanimidade.

  • Recoñecemento de obrigas de exercicios anteriores, por importe de 26.790,91 euros, que é a cifra máis baixa en trinta anos, aprobado cos votos a favor do BNG e as abstencións do resto dos grupos.
  • Compatibilidade solicitada polo profesor de clarinete do Conservatorio Profesional de Música do Concello de Carballo, por unanimidade.
  • Compatibilidade solicitada por un ordenanza-conserxe do Pazo da Cultura, aprobada coa abstención de Terra Galega.
  • Compatibilidade solicitada pola mestra de atención sociosanitaria do obradoiro dual de emprego Carballo Coida, aprobada coa abstención de TeGa.
  • Bonificacións de ICIO, IBIU e IAE para tres negocios do sector turístico de nova implantación en Razo, aprobadas por unanimidade. Trátase dun albergue xuvenil, un complexo de restaurante, pensión e vivenda, e un café-bar. Nos dous primeiros casos, dado que os investimentos superan os 250.000 euros, as bonificacións acadan o 95%, mentres que no terceiro caso será do 70% por non chegar a esa cantidade.
  • Ordenanza reguladora do imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana, aprobada cos votos a favor do BNG e as abstencións do resto dos grupos.
  • Nos puntos relativos ao contrato do servizo de axuda no fogar, houbo unanimidade en canto á execución da resolución do Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia, pero no que se refire á nova licitación abstivéronse todos os grupos da oposición.
  • Moción do PP contra a exclusión financeira, aprobada cos votos a favor do PSOE e TeGa, ademais dos populares e a abstención do BNG, que presentou unha emenda que foi rexeitada polos populares.
  • Moción do PSOE para a adhesión do Concello de Carballo ao proxecto Viopet, aprobada cos votos a favor de todos os grupos agás o PP, que se abstivo.
  • Moción do PSOE sobre o servizo de “coche de punto”, na que se incluíu una emenda do BNG, e que foi aprobada tamén cos votos a favor de todos os grupos e a abstención do PP.
  • Moción do PSOE sobre prostitución, co mesmo resultado que as anteriores.
  • Iniciativa do PP, presentada fóra da orde do día, para realizar unha declaración institucional con motivo do Día da Muller, aprobada por unanimidade.

No apartado de rogos e preguntas houbo dúas iniciativas do PSOE sobre a promoción do comercio e o edificio social.

Compartir: