Inicio Carballo ao día Novas Literatura, música e artes...

Literatura, música e artes plásticas para o primeiro Día de Rosalía que se celebra o 23 de febreiro

Unha ilustración realizada por Mon Lendoiro convértese na imaxe do Concello de Carballo para conmemorar o nacemento da autora

Martes 15 de febreiro do 2022 Cultura

O Día de Rosalía celebrarase este ano, por primeira vez, o 23 de febreiro. O cambio de data produciuse a raíz da investigación realizada por Sagrario Abelleira que permitiu coñecer o verdadeiro día de nacemento da autora de “Follas Novas”. Dende o Concello de Carballo queremos sumarnos á conmemoración cun programa de actividades deseñado dende a Concellaría de Normalización Lingüistica e aberto á participación de toda a veciñanza.

O noso Día de Rosalía celebrarase o mesmo mércores 23, a partir das 20.30 horas, na rúa Coruña. O lateral das antigas escolas do Xardín servirán como soporte dunha ilustración de Rosalía de Castro creada polo artista carballés Mon Lendoiro, e que, tal como indica a concelleira Maruxa Suárez, converterase a partir de agora na imaxe da poeta que utilizará o Concello de Carballo. Esa imaxe aparecerá plasmada non só na parede das vellas escolas, senón tamén nunha chapa que se repartirá entre todas as persoas asistentes ao acto e tamén nas bibliotecas.

Ademais do pintor Mon Lendoiro, a participación artística local para este Día de Rosalía complétase coa actuación de Quercus Blues, ao que poderemos escoitar interpretando por primeira vez varios temas con poemas de Rosalía de Castro preparados para a ocasión.

O acto, que no caso de choiva trasladaremos á planta alta do Mercado Municipal, tamén incluirá unha lectura pública de textos de Rosalía de Castro, para o cal teremos á vosa disposición varios libros da autora. Aínda que non é imprescindible, xa que o aberto será aberto e de participación libre, as persoas que o prefiran poderán inscribirse previamente enviando unha mensaxe por Whatsapp ao número 604072887.

Descargas

Compartir: