Inicio Carballo ao día Hemeroteca A implantación da tecnoloxía led no...

A implantación da tecnoloxía led no alumeado público de Carballo, un exemplo no salón Enerxétika 2022

Os concelleiros Iván Andrade e Luis Lamas e técnicos municipais participaron hoxe nunha xornada organizada pola Asociación de Empresas de Eficiencia Enerxética A3E en Silleda

Xoves 3 de febreiro do 2022 Carballo ao día

Carballo está representado por partida dobre en Enerxétika 2022, a feira sectorial que se celebra dende hoxe ata o sábado en Silleda. Dentro da programación desta xornada encádrase a xornada técnica “Servizos enerxéticos para a mellora da eficiencia enerxética no sector municipal e no sector privado”, organizada pola Asociación de Empresas de Eficiencia Enerxética A3E.

A apertura e presentación da xornada correu a cargo de Iván Andrade Tasende, que neste caso non asiste como concelleiro de Innovación, Formación e Emprego de Carballo, senón como xefe de proxectos de Energal e delegado de A3E en Galicia. No encontro, ao que, polo seu interese, asistiron técnicos municipais, participaron tamén Antonio López-Nava, xerente de A3E; Juan Ignacio Rodríguez, director do departamento de enerxía do Inega; Pablo Rodríguez Regueira, director técnico de Energea; José Enrique Alcázar, enxeñeiro industrial do Concello da Coruña e co-autor da filosofía slowlight; David Pocero, director de eficiencia enerxética de Ferrovial, e Luis Lamas, concelleiro de Obras e Servizos de Carballo, os dous últimos para expoñer o caso do noso concello como pioneiro na implantación da tecnoloxía led ao alumeado público.

Ademais doutras moitas sesións técnicas, o programa de Enerxétika inclúe como novidade o Salón da Innovación Enerxétika – SIE, que nace coa intención de poñer en valor a aposta dos sectores público e privado pola innovación, a sustentabilidade, o desenvolvemento das enerxías renovables e a eficiencia enerxética. Así mesmo, nesta edición ponse a disposición do público un circuíto de probas de condución de vehículos eléctricos, híbridos ou de combustibles alternativos.

Ligazóns

Compartir: