Inicio Carballo ao día Hemeroteca O goberno municipal presenta un orzamento en alza...

O goberno municipal presenta un orzamento en alza que permite reforzar o gasto social e os investimentos

A concelleira de Facenda e o alcalde deron a coñecer as contas para o ano 2022, que aumentan un 6,5% e acadan os 27.860.737,25 euros

Venres 17 de decembro do 2021 Carballo ao día

Belén Lendoiro e Evencio Ferrero, na presentación dos orzamentos

Belén Lendoiro e Evencio Ferrero, na presentación dos orzamentos

Aínda que a COVID-19 segue reflectíndose nos orzamentos municipais, a paulatina recuperación da normalidade en canto a restricións e mesmo ao funcionamento das Administracións, trasládase á propia tramitación do documento, de xeito que, tras a incerteza do 2021, que motivou a súa aprobación no mes de febreiro, de cara ao 2022 presentarase no salón de plenos antes de que remate o ano.

A proposta foi presentada esta semana aos grupos da corporación, que volverán a reunirse a semana que vén para o seu ditame antes do debate plenario do luns 27. E hoxe a concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, e o alcalde, Evencio Ferrero, deron a coñecer o documento nunha rolda de prensa.

O goberno municipal presenta un orzamento en alza, que acada os 27.860.737,25 euros e que mantén, polo tanto, a liña ascendente dos últimos exercicios: 25.972.402,37 euros no 2020 e 26.159.231,03 neste 2021. O incremento con respecto a este ano é do 6,5%. “O orzamento –explicou Belén Lendoiro- amosa as fortalezas do Concello de Carballo, cunha estrutura moi estable en canto aos ingresos, que sen incrementan nin impostos nin taxas permítenos atender o aumento dos servizos, as necesidades sociais e as inquedanzas culturais ou deportivas da cidadanía, e ademais cunha capacidade investidora importante”.

Ingresos e gastos

A grandes trazos, e dado que a recadación por impostos descende en 400.000 euros con respecto ao 2021, o aumento dos ingresos procede na parte máis salientable das transferencias de capital por parte da Deputación da Coruña para os plans anuais e proxectos singulares como Carballo para a infancia e das transferencias doutras Administracións, pero tamén do capítulo 3 por dúas situacións extraordinarias moi concretas: a previsión de licitación dos postos do Mercado Municipal e a concesión dos nichos e columbarios que se están a construír no Cemiterio Municipal.

En canto aos gastos, aínda que seguen vixentes medidas vinculadas á prevención da COVID-19 que supoñen un maior custo para as arcas municipais, hai catro aspectos que contribúen decisivamente ao incremento do orzamento.

Por unha banda, en canto ao persoal, o Concello de Carballo asume o incremento salarial do 2% aprobado a nivel estatal, pero tamén a creación de 4 novas prazas de persoal funcionario: 3 de emerxencias para Protección Civil e 1 monitor/a-socorrista.

O capítulo 2, de gastos en bens correntes e servizos, sobe un 4,8% con respecto ao 2021, por unha banda polo encarecemento do prezo da luz, “que afecta a toda a cidadanía e tamén ao Concello”, como apuntou Belén Lendoiro, e pola outra, ao gasto social, que supón 3 millóns de euros. “Só o servizo de axuda no fogar acada 1,5 millóns de euros, 374.000 euros máis que no ano 2021”, puxo como exemplo a concelleira de Facenda. A aposta polo gasto social, pero tamén en cultura, deporte, promoción económica ou emprego, tamén se reflicte nas contas “porque forman parte da filosofía de Carballo, un bo lugar para vivir”, engadiu.

Seguindo esa filosofía, tamén no capítulo 4 hai un incremento importante porque se aumentan os recursos para axudas a persoas e entidades, cunha suba de máis de 85.000 euros nas subvencións a entidades deportivas.

E aínda que o Concello de Carballo ten débeda cero, o ano que vén terá que pagarlles 71.446,42 euros aos bancos só por ter os cartos depositados neles.

Pero o capítulo “que gaña máis peso con respecto ao exercicio anterior” é o de investimentos reais, que como apuntou o alcalde, aumenta en 906.608,20 euros e supón o 14,5% do orzamento total. Evencio Ferrero relacionou os principais investimentos previstos (recollidos no anexo que pode descargarse máis abaixo) e expresou a decisión do goberno municipal de “aproveitar as condicións que ofrece o Estado para incorporar remanentes, en maior medida incluso que en anos anteriores”. Isto supón que o orzamento inicial, como pasou tamén nestes últimos anos, será ao remate do 2022 moito máis elevado.

O alcalde destacou que o Concello de Carballo dispón dunha tesourería forte grazas ao altísimo cumprimento das obrigas fiscais por parte da cidadanía, “e iso permítenos non tocar impostos nin taxas”, declarou.

Descargas

Compartir: